Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 27/7/2012
Remitiu un escrito dirixido ao Director de Asistencia Sanitaria para denunciar o caso feito público pola Mesa pola Normalización Lingüística
CIG-Saúde manifesta o seu rexeitamento ante a vulneración dos dereitos lingüísticos por parte de facultativos do SERGAS
A CIG-Saúde vén de manifestar o seu rexeitamento pola vulneración de dereitos lingüísticos dunha persoa doente galega e a súa familias por parte dunha facultativa do SERGAS. Por iso dirixiu un escrito ao Director de Asistencia Sanitaria demandando que todas as facultativas e facultativos do sistema sanitario público galega posúan os coñecementos de lingua galega necesarios para garantir os dereitos lingüísticos de usuarios/as.

09-04-01 concentracion galego parlamento 2

COMUNICADO

Á/A de Félix Rubial

Director de Asistencia Sanitaria

Desde CIG-Saúde, ante a noticia que saltou onte aos medios de comunicación sobre unha facultativa do SERGAS que esixiu a familiares dun moribundo que non lle falaran en galego e o fixeran en español, queremos manifestar:

1º O noso rexeitamento á actuación desta facultativa vulnerando dereitos lingüísticos, sobre todo nun momento tan sensible como é a agonía dunha persoa. Non é de recibo que nun momento de sufrimento coma ese, unha profesional do SERGAS teña máis preocupación pola lingua na que falan os familiares do paciente que pola propia situación deste. Ante unha situación de dor e de dó como era esta, un profesional debe atender a globalidade do paciente e a familia, e os aspectos psicolóxicos desa terrible situación inclúen a lingua na que se expresan as persoas, porque as cousas non se expresan igual na lingua habitual, na lingua materna, que nunha lingua allea.

2º Gustaríanos lembrar que unha das primeiras actuacións do goberno do señor Núñez Feijoo (unha das primeiras da lexislatura, e tamén unha das primeiras de tantas medidas contra a nosa lingua) foi eliminar a obrigatoriedade de realización dun exercicio de lingua galega nas probas de acceso á función pública, que inda sendo un débil sistema de demostración de coñecemento da lingua que falan a grande maioría de pacientes do SERGAS por parte dos/as empregados/as públicos/as, era o único requirimento que garantía que as persoas que accedían a traballar na Administración Pública puideran no seu traballo cumprir coa lexislación e ofrecer os servizos da Administración Pública no idioma dos/as usuarios/as. Ao eliminar a obrigatoriedade da proba de galego, substituíndoa polos certificados Celga ou os seus equivalentes, os antigos certificados dos cursos de iniciación e perfeccionamento, o que fixo o señor Feijoo foi facilitar que accederan á función pública persoas que, podendo ser boas profesionais, non tiñan os coñecementos de lingua galega necesarios para atender unha poboación que maioritariamente fala galego, e, polo tanto, para garantir os seus dereitos lingüísticos.

3º Inda que a actitude da profesional que atendeu ao paciente moribundo e á súa familia é totalmente reprobable, e agardamos que se depuren responsabilidades, gustaríanos saber se esta persoa tivo nalgún momento, como cabería esperar dunha Administración Pública que debe garantir os dereitos lingüísticos dos/as usuarios/as, acceso a formación en lingua galega. Estamos totalmente seguras/os de que non, porque precisamente o SERGAS, que incorpora ademais frecuentemente persoal de fóra da Galiza, non se caracteriza por ofrecer demasiada formación, e moito menos sobre lingua galega. Polo tanto, a primeira obriga da Administración é facilitar o acceso do persoal ao coñecemento da lingua galega e explicar e esixir dese persoal que utilice a lingua galega para dirixirse a aqueles/as usuarios/as que a teñen como lingua de uso, tal é como está establecido na lexislación.

4º Agardamos que se aclare a situación que se deu, que se resarza a esa familia no posible (pois hai danos que son irreparábeis) e que se tomen as medidas oportunas conducentes a garantir que TODO o persoal do SERGAS posúa os coñecementos necesarios en lingua galega e coñeza e asuma a súa responsabilidade como dadores de servizos públicos para garantir os dereitos lingüísticos dos/as usuarios/as.

Santiago, 27 de xullo de 2012.

María Xosé Abuín Álvarez

Secretaria Nacional de CIG-Saúde

1