Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 27/7/2012
Os principais afectados/as son cidadáns/ás estranxeiros/as que residen no Barco de Valdeorras, aínda que tamén hai galegos/as
A CIG de Ourense denunciará na Fiscalía a varios establecementos hostaleiros da provincia por explotación laboral
A Unión Comarcal da CIG de Ourense adiantou hoxe que denunciará diante da Fiscalía a máis dunha ducia de establecementos hostaleiros da provincia por explotación laboral. Dende a central nacionalista explicaron que os afectados/as son maioritariamente cidadáns/ás estranxeiros/as que residen no Barco de Valdeorras, aínda que tamén hai galegos/as. Parte dos feitos xa foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo.

2012 07 27 DenunciaExplotacionHostelariaOurense01

O anuncio foi feito esta mañá en rolda de prensa polo secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, e polo máximo responsábel da central nacionalista na comarca de Valdeorras, Adriano Brito. Xunto a eles compareceu un dos traballadores afectados, que expuxo o seu caso aos medios de comunicación.

O primeiro en tomar a palabra foi Brito, quen agradeceu en primeiro lugar a “valentía” do traballador e animou a todas as persoas que se atopan en situacións similares “a denunciar”. O secretario da Unión Local da CIG de Valdeorras comentou que o pasado día 6 de xullo presentaron dúas denuncias na Inspección de Traballo despois de comprobar que en dous establecementos traballaban persoas sen asegurar. “Trátase dunha práctica habitual na hostalería, onde teñen inmigrantes e incluso nativos/as sen asegurar ou contratados a media xornada mentres traballan a xornada completa”.

Neste senso, adiantou que o luns presentarán outras doce denuncias máis diante da autoridade laboral, ao tempo que levarán estes casos á Fiscalía “para ver se actúan dunha vez por todas contra os que explotan os traballadores/as”. Na súa opinión, a Inspección de Traballo debe de facer tamén un esforzo para investigar e deter este tipo de fraudes “xa que deste xeito Facenda deixa de recadar moitos cartos”. 

Dende Valencia con falsas promesas

Xunto aos responsábeis sindicais compareceu un dos traballadores afectados. Trátase de Renato Barbosa Dos Santos, un brasileiro que chegou a Galiza procedente de Valencia despois de que o fillo dun dos empresarios agora denunciados lle ofrecera un posto de traballo en mellores condicións. O propio afectado explicou que a raíz da proposta tanto el como a súa compañeira decidiron abandonar os seus empregos e trasladáronse ao Barco. “Unha vez aquí comezamos a ver que nada era como nos dixeran”, láiase.

Os primeiros contratempos chegan cando comproban que van ser contratados de xeito ilegal para traballar no restaurante Casa Lameiro e que o salario da súa compañeira é inferior ao que lle dixeran nun primeiro momento. “Entón dime que non lle vai pagar o mesmo ca min, que se queremos que deixe de traballar ela e que me sobe o soldo a min, polo que ao final dáme 200 euros máis”. Deste xeito, o salario “en negro” deste traballador non pasa dos 1.400 euros ao mes a pesar de traballar xornadas de 15 horas diarias e de ter un só día libre á semana. “Ademais facía de todo, non só exercer de camareiro”.

Pero o peor chega agora, cando vén de recibir unha orde de expulsión do Estado español. “Negáronse a darme a documentación para poder obter os papeis e despois de 16 meses de traballo non teño dereito a nada”. Barbosa relata que cando lle comunicou ao empresario que tiña que abandonar o país e lle solicitou os cartos para o billete díxolle que xa cobrara todo e que podía marchar cando quixera. “Entón pedinlle que polo menos me deixara rematar o mes para poder cobrar o salario; en principio accedeu, pero uns días despois pediume que marchara porque xa contratara outra xente; iso si, díxome que non me ía pagar nada, que podía ir comer e cear alí até o día que abandonase o país”. 

Velar polo cumprimento da lexislación

Pola súa banda, o secretario da Unión Comarcal da CIG de Ourense censurou o que cualificou de “caso inhumano de explotación laboral” e asegurou que en materia laboral “estamos a vivir un claro retroceso”. Nesta liña, criticou que a provincia de Ourense se teña convertido nun territorio salvaxe no que a lexislación laboral non funciona. “Os empresarios/as fan o que queren, pero non só aquí, en toda a provincia e no conxunto do país”.

Finalmente, laiouse de que as novas reformas laborais empeoran aínda máis estes casos de explotación e abuso e fixo un chamamento público á Inspección de Traballo e á propia Fiscalía para que actúen con contundencia, “porque parece que ninguén lle preocupa que se incumpra a lexislación laboral”. En canto á Fiscalía, incidiu en que se trata dun caso de dereitos humanos e instouna a deixar de perseguir a sindicalistas e piquetes e a “controlar este tipo de situación intolerábeis”.

1