Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 30/7/2012
A CSPLP realizou o congreso fundacional na cidade de Lisboa no mes de maio de 1998 coa participación de centrais sindicais de Portugal e de algunhas das súas ex-colonias, concretamente Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique e San Tomé.
Desde entón celebra os seus congresos ordinarios cada dous anos de maneira rotatoria entre os diversos países que compoñen a CPLP-Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa.
En setembro de 1.999, 16 meses despois de constituída a CSPLP, a CIG solicitou formalmente ser aceptada como organización membro. A petición resolveuse na II Congreso celebrado en Maputo, capital mozambicana, en xullo de 2000, no que se acepta integrar á CIG en calidade de “Convidado”.
Na primeira semana de 2006, a CSPLP realizou en Bissau o seu IV Congreso. Previamente ao mesmo celebrouse unha reunión ordinaria da Comisión Executiva na que se resolveu elevar o estatus da CIG a membro Observador. Esta decisión, de conformidade cos estatutos, foi ratificada polo Congreso celebrado nos días posteriores.
A CIG propuxo, na Comisión Executiva previa ao Congreso, que se posibilitase a integración efectiva das organizacións observadoras permitindo unha participación real nas actividades da CSPLP, o que implicaba modificar os estatutos nalgúns dos aspectos máis restritivos. A proposta da CIG foi apoiada pola maioría das centrais sindicais aprobándose finalmente por unanimidade na Comisión Executiva e no Congreso.
Desde entón a CIG ven participando en todas as actividades da CSPLP, fosen estas de carácter xeral ou específico. Con todo, os estatutos non permitían que a CIG puidese ter o carácter de membro pleno por carecer Galiza de estado propio.
Na reunión da Comisión Executiva previa ao V Congreso da CSPLP celebrado en Luanda (Angola) en xullo de 2010, a UGT de Portugal propuxo modificar os estatutos no sentido de posibilitar que a CIG (e, no futuro, outras organizacións) puidesen ser membros de pleno dereito. Comisión Executiva e Congreso, por unanimidade, aprobaron estas modificacións.
Poucos meses despois, a CIG presentou a solicitude de mudanza do seu estatuto de observador para membro efectivo. O Comité Executivo aprobou esta solicitude en xuño do 2012 e o VI Congreso, celebrado un mes despois en Maputo, ratificou esta decisión con 13 votos a favor e dúas abstencións.
A integración na CSPLP era un dos obxectivos definidos pola CIG como prioritarios no ámbito organizativo internacional, explicitado mediante resolucións específicas no II, III, IV e V Congreso. Culminan así, exitosamente, os esforzos iniciados hai case 13 anos.
Cinco organizacións sindicais manifestaron o seu interese en integrarse na CSPLP: CGTB e CTB do Brasil, CCOO e UGT de Galiza, CGSI de Guinea-Bissau. O Comité Executivo e o Congreso decidiron que estes pedidos de afiliación sexan examinadas na seguinte reunión do Comité Executivo, probabelmente en abril do 2013, e ratificadas no VII Congreso a celebrar en 2014.
Ao día de hoxe, a CSPLP está composta polas 17 centrais sindicais seguintes:
1. Membros efectivos:
Angola
v UNTA: União Nacional dos Trabalhadores Angolanos
v CGSILA: Central Geral de Sindicatos Independentes e Livres de Angola
Brasil
v CUT: Central Única dos Trabalhadores
v FS: Força Sindical
v UGT: União Geral de Trabalhadores
Cabo Verde
v CCSL: Confederação Caboverdiana de Sindicatos Livres
v UNTC: União Nacional dos Trabalhadores de Cabo Verde
Galiza
v CIG: Confederación Intersindical Galega
Guinea Bissau
v UNTG/CS: União Nacional dos Trabalhadores Guineenses
Mozambique
v CONSILMO: Confederação de Sindicatos Independentes e Livres de Mozambique
v OTM: Organização dos Trabalhadores de Moçambique
Portugal
v CGTP/IN: Confederação Geral dos Trabalhadores Portugueses – Intersindical Nacional
v UGT: União Geral de Trabalhadores
San Tomé e Príncipe
v ONTSTP: Organização Nacional dos Trabalhadores de S. Tomé e Príncipe
v UGT/STP: União Geral dos Trabalhadores S. Tomé e Príncipe
Timor Leste
v KSTL: Konfederasaun Sindikatu Timor Lorosa’e
2.- Membros observadores:
Macao
v ATFPM: Associação dos Trabalhadores da Função Pública de Macau
1