Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 2/8/2012
Do total de contratos asinados, só o 6% foron indefinidos, do que se tira unha escandalosa temporalidade no emprego
En Galiza hai xa 104. 132 persoas desempregadas que non cobran ningún tipo de prestación
Os datos de paro rexistrado do mes de xullo evidencian a grave situación de desemprego que hai en Galiza e o cada vez máis elevado risco de exclusión social que padecen máis dun cuarto de millón de galegos e galegas. Aínda que hai unha leve redución estacional no mes de xullo, do 3,35% respecto do mes anterior, o número total de parados/as é de 260.198, 37.198 máis que no mesmo mes do ano pasado. Para a CIG é especialmente preocupante que, dese total, só 156.066 persoas estean cobrando algún tipo de prestación; que a metade delas só cobran os 426 euros correspondentes á renda activa de inserción e que un total de 104.132 persoas non están cobrando absolutamente nada.

traballador construción tellado

De cada 10 parados, 4 non son beneficiarios de ningunha prestación por desemprego e 3 máis teñen unha prestación non contributiva, cuxa renda medida é de 426 euros. A renda media do terzo restante, os que reciben unha prestación contributiva, é de 815,4 euros mensuais.

Ante isto, Antonio López Rivera, secretario confederal de Emprego e Industria, denuncia unha vez máis as consecuencias que terá o endurecemento das condicións para acceder ás prestacións por desemprego e ás prestacións non contributivas. “Estase destinando á exclusión social, directamente, ás persoas desempregadas e ás súas familias”.

Ás alarmantes cifras de paro rexistrado cómpre engadir os non menos alarmantes datos de temporalidade. Do total de contratos asinados, 78.016, o 94% foron temporais (73.364). “Este mes reduciuse con respecto ao anterior o número de indefinidos e incrementáronse con respecto ao anterior en case 18.000 o número total de temporais. Con esta brutal taxa de temporalidade temos unha situación de precariedade no emprego cada vez maior”, explica López Rivera.

O secretario confederal de Emprego salienta que malia terse reducido o paro respecto do mes de xuño nun 3,35%, a redución no mesmo mes de 2011 fora do 4,52%. “En xullo de 2012 hai un 16,68% de parados máis que en xullo de 2011, co que o ritmo de destrución de emprego é case tres veces superior ao do ano pasado por estas mesmas datas”.

Comparando co ano anterior, o sector onde máis medrou o paro foi o de Servizos, on o incremento foi dun 20,63%, seguido de preto polo sector da Construción, onde foi dun 19,49%, agricultura, un 18,99% e en Industria, onde medrou un 15,10%.

Ante estes datos López Rivera é contundente e alerta de que “a situación é crítica e o será máis se non cambian radicalmente as políticas económicas dos gobernos de Rajoy e de Feijoo, que se limitan a acatar as nefastas decisións adoptadas en Bruxelas un e en Madrid o outro”.

1