Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 2/8/2012
A CIG-Ensino denuncia que se destrúen un total de 49 postos de traballo
O PP continúa cos recortes nos servizos públicos, agora nas escolas infatís, chamadas Galiña Azul
A CIG-Ensino denuncia que o PP continúa cos recortes nos servizos públicos, suprimindo agora 49 prazas nas escolas de educación infantil -rebautizadas como Galiña Azul-. O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar vén de modificar os cadros de persoal destes centros suprimindo 6 prazas de mestres e mestras, 13 de educadoras e 7 de persoal PSX. Xunto a isto, amortízanse 8 de mestres/as, 14 de educadores/as e 1 de PSX.

Escola

Suprímense as escolas infantís de A Bola e Muíños para o curso escolar 2012 e 2013; amortízanse postos que actualmente están ocupados por persoal na provincia da Coruña en Muxía, Camariñas, en San Roque (Compostela), Culleredo; na provincia de Lugo en Burela, Taboada e Pantón; na de Pontevedra, en Vila de Cruces e na de Ourense, en Vilamartín de Valdeorras, Coles, Nogueira de Ramuín, Toén, Vilamarín, Bande, Castro Caldelas, A Bola, Muíños e o centro da Rúa Colón en Ourense.

Amortízanse as vacantes de Allariz, Antas de Ulla, Cambre, Cangas-Choupana, Cotobade, Ferrol-Caranza, Gondomar, Nigrán, O Grove, O Pereiro de Aguiar, Ourense-Barrocás, Ourense-Colón, Poio, Pontecaldelas, Ponteceso, Ribadavia, Taboada, Vilaboa, Vilamarín.

Estes datos amosan máis unha vez que “estamos ante un deseño político do goberno galego de destrución dos piares básicos dunha sociedade democrática como son os servizos públicos, entre os cales está educación”, afirma o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen considera que se trata, polo tanto, de “empeorar a calidade do servizo reducindo persoal e destruíndo emprego”. Xunto a isto alerta de que esta redución de persoal pon en perigo a parella educativa creada coas galescolas.

A irrelevancia que para o PP ten a educación de cero a tres anos evidénciase, segundo explica Louzao, non só con este recorte senón tamén co incremento desmesurado das taxas, de máis dun 20%, e coa insuficiente creación de novas escolas infantís. “O PP ralentizou a posta en marcha de novos centros desde a súa chegada ao goberno e apostou pola privatización coa concesión a entidades privadas, algunhas delas ligadas ao OPUS de 5 delas que puxo en marcha”, denuncia.

Ao tempo que isto ocorre, lembra que hai máis de 4.000 familias que quedan sen praza para os seus fillos e fillas.

A CIG-Ensino denuncia tamén que a modificación dos cadros de persoal das galescolas trouxo como consecuencia o desprazamento de 26 traballadores/as non foi negociado cos comités de empresa, limitándose exclusivamente a enviarlle o resultado final.

1