Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 3/8/2012
A CIG considera que é un paso, pero insuficiente porque non garante nin o plan de viabilidade industrial, nin os postos de traballo
A Xunta autoriza liberar os avais para o pagamento da débeda de Alfageme
A Xunta de Galiza vén de autorizar, finalmente, a liberación dos avais necesarios para facer fronte á débeda de Alfageme. A CIG considera que é un avance respecto da situación anterior, pero non a solución ao conflito porque, segundo afirma Rosa Abuín, “non queda garantido nin o plan de viabilidade, nin o mantemento dos postos de traballo”.

PecheAlfagemeIgape2

Durante a mañá deste xoves 2 de agosto, representantes do Comité de Empresa de Alfageme pechábanse nas dependencias da consellaría de Industria para exixir unha entrevista co conselleiro. Unha das súas principais demandas era a necesaria liberación dos avais para o pagamento das débedas da empresa. As outra, garantías para o plan de viabilidade industrial e para o mantemento dos postos de traballo.

A Xunta de Galiza tiña que liberar os avais, que ascenden a 33 millóns de euros, para cancelar as débedas coas entidades acredoras. Só así se podería abrir o camiño para efectivizar a venda das plantas de Alfageme en Ribadumia e Vilaxoán ao grupo de Cantabria El Consorcio.

A decisión da Xunta, comunicada o xoves, de liberar por fin os avais garante o pagamento desas débedas. Porén, Rosa Abuín alerta de que o risco que se corre agora é que “a única beneficiada sexa a banca, que vai cobrar”, se non se dan pasos concretos para garantir o cumprimento da segunda parte das súas demandas, que é a adquisición por parte do Consorcio da empresa, para ter garantías de cumprimento do plan de viabilidade industrial e do mantemento así, dos postos de traballo.

Abuín explica que agora é necesario que a Xunta subrogue nos créditos para que se poida cumprir esa segunda parte. Por iso, malia ter sido ‘convidado’ o Comité de Empresa a abandonar o peche deste xoves na consellaría seguen demandando información para que esta explique cales serán os seguintes pasos a dar. “Temos que garantir o futuro das plantas de Ribadumia e Vilaxoán e o mantemento de 150 postos de traballo. O conflito, a día de hoxe, continúa sen estar solucionado”.

1