Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 8/8/2012
O Consello de Contas confirma o que CIG-Saúde viña denunciando desde hai tempo
Os servizos de urxencias adoecen de graves deficiencias, nomeadamente unha grande falla de persoal
O Consello de Contas de Galiza, órgano fiscalizador da xestión económico-financeira do sector público, vén de emitir un informe demoledor que ven dar a razón á CIG-Saúde na súa denuncias de que os servizos de urxencias presentan graves deficiencias e unha máis que evidente falla de persoal. Este informe é o resultado dunha serie de auditorías realizadas nos servizos de urxencias de dous hospitais comarcais (Valdeorras e Monforte) e tres complexos hospitalarios (CHUAC, CHUS e CHOP), e non deixa lugar a dúbidas: a xestión destes servizos deixa moito que desexar e o SERGAS debería empezar a cambiar certas cousas, a comezar pola política de contratacións.

12-02-27 Urxencias CHUS 7

Os resultados destas auditorías reflíctense en varios informes: un informe xeral sobre os servizos de urxencias do SERGAS e cadanseu informe respectivo aos centros analisados.

O informe xeral indica que "o aumento da demanda asistencial urxente, a saturación dos Servizos de Urxencias Hospitalarios e a inadecuada utilización destes servizos obedecen a diversas causas", entre as que cita "un dispositivo asistencial de primaria escasamente resolutivo que xera a consecuente desconfianza dos usuarios respecto a que no dito nivel poida ser satisfeito con rapidez o seu problema de saúde", algo que CIG-Saúde xa apuntou no seu momento: coa chegada ao goberno da Xunta do PP de Feijoo iniciouse o desmantelamento da Atención Primaria, empezando pola paralización do Plan Mellora de Atención Primaria, eliminando os incrementos en dotación técnica e de persoal que estaban previstos, e abocando á Atención Primaria a un negro futuro, de porta de entrada da Sanidade a dispositivo pouco resolutivo, tal e como hoxe comprobamos e tal e como recolle o informe de Contas.

Outra das deficiencias que recolle o informe, e que veñen dar a razón ás denuncias que reiteradamente ten feito a CIG, é  que "a estrutura física dos cinco SUH fiscalizados presenta deficiencias e disfuncionalidades que repercuten no seu correcto funcionamento, sendo o máis afectado o CHUAC no que a dimensión e distribución do servizo imposibilitan, na práctica, a prestación dunha adecuada atención". O pasado 1 de agosto, sen ir máis lonxe, CIG-Saúde na Coruña emitía unha nota de prensa que viña afondar nas denuncias previas sobre a situación de caos no servizo de urxencias do CHUAC.

Critica tamén o informe que á data de realización das auditorías (2010), só un servizo de urxencias tiña implantada a triaxe, que o propio informe describe como "alicerce básico sobre o que debería xirar a atención en urxencias, como medio de asignar o nivel de prioridade e de fixación dos tempos de resposta máximos en función da mesma". A día de hoxe está implantado o modelo de triaxe Manchester nalgún outro centro, mais ainda quedan moitos servizos de urxencias que non clasifican pacientes á entrada en urxencias, algo básico para ofrecer unha atención adecuada. É máis, nalgún caso, e tal e como recolle o informe, a clasificación previa faina "persoal non sanitario que desenvolve funcións administrativas na área de admisión de urxencias".

Ademais disto, o informe fai unha análise dos recursos humanos dos servizos de urxencias auditados, e recolle que no 2010 aínda había dous servizos dos estudados que non dispoñían de Plan Funcional, e nos que si o había ou ben a dotación de persoal que estaba implementada no servizo era menor que a que se recollía neles, ou ben existía certa variabilidade e desorganización na distribución do persoal, polo que a cobertura non era axeitada. Para alén desta cuestión, recolle tamén o informe que "a dotación de efectivos para cubrir a infraestrutura organizativa prevista é deficitaria nas distintas institucións, de forma máis acusada no estamento de persoal facultativo dalgúns dos centros, que chega a alcanzar o 39% menos". E engade que esta falla de persoal vense cubrindo con xornada complementaria (horas extras, deixémonos de eufemismos), en moitos casos excesiva, superando mesmo o 50% da xornada ordinaria.

Algo que tamén viña denunciando a CIG-Saúde, e que tamén foi recollido polo Consello de Contas nun informe anterior, é que "nas distintas institucións analizadas, vense recorrendo, de forma desproporcionada, á contratación eventual (prevista en situacións de carácter temporal, conxuntural e extraordinario) para a cobertura de necesidades estruturais ou para a substitución de persoal en supostos de ausencia, non adecuándose tal modalidade contractual á natureza da prestación de servizos. No primeiro suposto prolifera esta contratación en detrimento dos procesos selectivos para a cobertura das necesidades con persoal fixo. No segundo, en lugar de formalizarse o correspondente nomeamento de substitución de carácter nominativo tipificado respecto diso, recórrese aleatoriamente á formalización dun contrato por un prazo determinado coa finalidade de cubrir diversas continxencias de varios traballadores".

Sobre os tempos de espera en urxencias, o informe tamén é demoledor: "respecto dos pacientes para os que se acordou o ingreso, a prolongación da súa permanencia en urxencias representa unha das causas fundamentais da saturación do servizo, apreciándose nos complexos hospitalarios en maior grao, con especial incidencia no CHUAC. (...) a asignación de cama para urxencias non está debidamente priorizada nin protocolizada, nin existe unha programación que permita xestionar a presión asistencial urxente coas debidas garantías, o que constitúe unha das causas de saturación da área de urxencias debido ao fluxo de entrada de pacientes e ao estar ocupados os recursos polos enfermos xa atendidos". Como se ve, e tal e como CIG-Saúde ven denunciando, a situación dos servizos de urxencias é caótica, sendo o caso do CHUAC o máis grave dos estudados.

O Consello de Contas, para rematar o informe, emite unha serie de recomendacións a respecto dos aspectos analizados nas auditorías, recomendacións que poden verse no propio texto do informe. Nós, desde CIG-Saúde, tamén temos unha recomendación para o SERGAS: póñanse as pilas e empecen a cambiar de actitude no que a xestión de recursos humanos e organización do traballo respecta. Xa está ben de vendernos medidas coma se foran a panacea, cando todos os indicadores, todas as análises din o mesmo: a súa xestión é nefasta, a asistencia sanitaria de peor calidade a cada pouco, as urxencias un caos, a Atención Primaria está cada vez máis desmantelada, e inda non lles chega, queren acabar completamente co noso Sistema Sanitario.

1