Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 13/8/2012
Convocada pola Alianza por un Medio Rural Galego Vivo
Concentración o mércores 15, ás 12:00 horas, en O Barco polo incendio que asolou 2.000 ha esta fin de semana
A Alianza por un Medio Rural Galego Vivo, na que están integradas a CIG, ADEGA, FRUGA e a Organización Galega de Comunidades veciñais de Montes en Man Común  convoca unha concentración para o vindeiro mércores día 15 de agosto, ás 12:00 horas, diante da casa Grande de Viloria en O Barco, por mor do incendio forestal que esta fin de semana asolou 2.000 ha.

12-06-09 Mani Montes 0002

A Alianza por un Medio Rural Galego Vivo denuncia que este gravísimo incendio forestal queimou casas, puxo en perigo a vida de persoas e representou unha verdadeira traxedia. Por iso, condena a actual política de prevención e extinción de incendios da Xunta de Galiza, que “desmantelou boa parte das brigadas de extinción, fixo nula política preventiva, varreu as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais e que só se dedica, nun claro exemplo de oportunismo e populismo, a pedir maiores condenas, no canto de acometer unha política de prevención axeitada”.

Do mesmo xeito denuncia “nesta política torpe”, a Lei de Montes que se vén de aprobar sen consenso social algún. Unha Lei que, lembran, vai permitir o cultivo extensivo de especies foráneas de crecemento rápido, a forestación de terras agrarias e a redución das distancias de seguridade que estabelecía a anterior Lei de Incendios.

Por iso, fan un chamamento a todas as organizacións sociais, políticas, veciñais e a toda a sociedade civil, para participar, en clave de autoconvocatoria, nesta concentración que pretende demostrar que a sociedade está viva e que non imos permitir a destrución do noso país.

 

1