Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 14/8/2012
Na xuntanza, os afectados acordaron dirixirse ás distintas administracións para demandar que se fagan todas as xestións necesarias para que o Parlamento Europeo non ratifique este convenio pesqueiro que discrimina á flota galega. Exixen que se renegocie e que, entre mentres, se habiliten axudas para poder sobrevivir durante este período de inactividade.
Aboi denuncia que, deste xeito, as institucións europeas esmagan a capacidade de Galiza para competir. Alerta de que, de non renegociarse, será a propia UE a que provocará o desmantelamento dun sector produtivo de vital importancia para a economía do país e de que terá consecuencias especialmente graves nas comarcas onde máis incidencia ten. De feito sinala que xa está habendo empresas que están dando de baixa á tripulación eventual.
Para o representante da FGAMT é insólito que non houbera ningunha xuntanza previa co sector e que a consellaría non tivese actuado exercendo o papel que lle corresponde, como parte do goberno galego, na súa defensa. Neste sentido, afirma que “o goberno galego nin se sabe onde está, nin se lle espera”.
Para os afectados é fundamental que desde as administracións se poñan en marcha medidas compensatorias, ao igual que se fixo con outras flotas noutros casos similares no estado español, para que poidan resistir mentres están parados.
Por iso acordaron iniciar mobilizacións das que a primeira está convocada para o vindeiro venres, ás 11:00 horas, diante da subdelegación do goberno, en Pontevedra.
1