Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 22/8/2012
O secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembra que a central sindical “alén de reprobar estes concertos educativos” leva anos demandando da consellaría de Educación a súa retirada. Malia iso, Las Acacias, Monte Castelao e Aloya, en Vigo e Montespiño e Peñarronda na Coruña, seguiron obtendo subvencións de arredor de 3 millóns de euros, a través destes concertos.
A CIG-Ensino ten presentado tamén un recurso perante o Supremo para o que agarda unha sentenza similar as que xa se teñen ditado. Sentenzas nas que, segundo as informacións publicadas en distintos medios, o Supremo considera que existe unha incompatibilidade coa Lei Orgánica de Educación, que estabelece que na admisión de alumnos non poderá haber discriminación, entre outras, por razón de sexo e que leva o alto tribunal a considerar que iso, déixaos fóra da posibilidade de seren subvencionados.
Ante isto, Anxo Louzao agarda que a rescisión dos concertos con estes centros se faga efectiva xa para o vindeiro curso escolar e demanda que eses cartos revertan no ensino público “nun momento no que está a padecer todo tipo de recortes e supresión de unidades”.
Afirma que o que se evidencia con esta sentenza é que o PP actúa de “maneira partidista e en base a criterios ideolóxicos” e non co obxectivo de preservar un modelo educativo igual para todos. “Estamos ante un modelo de centros reaccionario, nas antípodas do que debe ser a educación coeducativa e que nin sequera permite a educación mixta, na medida en que estes centros non escolarizan alumnado de distinto xénero. Modelos educativos superados desde o franquismo que van en contra da organización democrática dunha sociedade, dos principios pedagóxicos de igualdade e de coexistencia e non de crear roles diferentes segundo o xénero”.
1