Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 27/8/2012
Considera que a convocatoria de eleccións anticipadas responde a intereses electorais do PP pero entende que é positiva para poder mudar o goberno
A CIG proporá a CCOO e UGT a convocatoria de folga xeral para o 26 de setembro
Ante o deterioro da situación económica, política e social que, segundo todo indica, seguirá a agravarse, e ante a perspectiva de que mesmo se produza un segundo rescate ao Estado español, que provocaría a imposición de medidas moito máis duras das xa aprobadas, o secretariado confederal -reunido esta mañá en Compostela- valorou a necesidade de convocar xa folga xeral. Para a CIG a data de referencia segue a ser o 26 de setembro, e así o tratará novamente con CCOO e UGT, reiterando a súa dispoñibilidade a negociala para que sexa de carácter unitario. A central sindical considera que, en todo caso, debe ser antes das eleccións autonómicas.

12-01-10 secretariado 1

A CIG entende que é necesario enviar unha mensaxe clara ao goberno do Estado español e ás institucións europeas do rexeitamento que provocan as políticas de recortes antisociais que se veñen aplicando. Considera que a través da folga xeral a poboación podería manifestar a súa coincidencia, ou non, coas políticas do PP.

Alén diso, o organismo acordou convocar unha Asemblea Nacional de Delegadas/os para o vindeiro 11 de setembro, en Compostela, cunha manifestación posterior en denuncia das políticas económicas do Partido Popular.

Quedou pendente de concretar con CCOO e UGT a convocatoria de manifestacións comarcais en torno ao día 21 de setembro. Mantense, en todo caso, a convocatoria de concentracións en todas as comarcas, coincidindo co Consello de Ministros, o vindeiro venres, día 31 de agosto.

O secretariado tamén acordou dar o apoio da central sindical á convocatoria de manifestación nacional da Área Pública, prevista para o día 8 de setembro en Compostela, en defensa dos servizos públicos.

Adianto electoral

Respecto da convocatoria das eleccións autonómicas para o vindeiro 21 de outubro, a CIG entende que se o PP  as adianta “non é co ánimo de ter un goberno e un Parlamento máis estábel, senón en función dos seus intereses partidistas e electorais”, sinala Suso Seixo.

O secretario xeral da CIG considera que o Partido Popular pretende evitar os custos electorais que terán as duras medidas que se irán aprobando nos próximos meses, coas que “seguirán afondando no recorte de dereitos e deteriorando aínda máis as condicións laborais e de vida da maioría social”. Entre outras, subliñou o endurecemento dos requisitos para acceder ás prestacións por desemprego, maiores reducións salariais, tanto no sector público como no privado, ou novos recortes nas pensións.

Recortes que, lembrou, afectarán aos servizos e prestacións públicas e que “terían que plasmarse xa nos orzamentos da Xunta para o ano 2013, o que impediría ao PP seguir agochando as súas verdadeiras intencións, de manter a convocatoria para marzo de 2013”.

En todo caso, o secretario xeral da CIG considera que “é oportuno” que se adianten, para que á fronte da Xunta de Galiza poida haber un goberno “presidido por forzas políticas dispostas a enfrontar a crise e adoptar medidas que favorezan os intereses das clases populares, rachando o desgoberno e o servilismo do PP ao goberno do Estado e ás institucións europeas”.

Forzas políticas nas que a CIG, como organización sindical nacionalista, aposta porque “o nacionalismo sexa maioritario á hora de configurar o novo goberno da Xunta”, matizou.

1