Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 30/8/2012
“Demóstrase unha vez máis que o que lle importa ao SERGAS non é aforrar, senón recortar dereitos dos/das traballadores/as”, di
CIG-Saúde denuncia que o SERGAS modificou as bases de cotización de moito do seu persoal
Nas nóminas de agosto de moitos empregados/as do SERGAS variaron as bases de cotización con respecto ao mes de xullo. A CIG-Saúde denuncia que a administración restou a parte correspondente á paga extra que, segundo o decretazo non se vai pagar. “É dicir, restaron as bases de cotización en base a un acontecemento futuro que inda non se produciu”. Xunto a isto, denuncia que non se lle aplica a todo o persoal, senón a aquel que desde xaneiro de 2011 sufriu algunha modificación nas súas vinculacións, xa sexa por traslado, por promoción interna ou por comisión de servizo. De feito, explica, as persoas que non tiveron ningunha modificación deste tipo continúan tendo as mesmas bases de cotización que en xullo.

12-05-15 concentración CIG-Saúde

CIG-Saúde considera que o SERGAS, unha vez máis demostrando que non lle preocupa o aforro, senón recortar dereitos, fai unha interpretación totalmente restritiva e negativa do artigo 5 do Real Decreto-Lei 20/20102, tamén coñecido como decretazo, que di o seguinte:

Artículo 5. Cotización al régimen general de Seguridad Social. A efectos del cálculo de la base de cotización por todas las contingencias de los empleados públicos encuadrados en el Régimen General de la Seguridad Social cuyas retribuciones sean objeto del ajuste previsto en este Real Decreto-ley, en tanto permanezca su relación laboral o de servicio, seguirá siendo de aplicación lo dispuesto en el artículo 120. Dieciséis de la Ley 2/2012, de 29 de junio de Presupuestos Generales del Estado para 2012.”

O artigo 120.Dezaseis da Lei de Orzamentos do Estado para o 2012, ao que se refire o decretazo o que indica é que as bases de cotización dos/as empregados/as públicos/as durante 2012 serán coincidentes coas que se tiveran no mes de decembro de 2010, coa mesma condición de en tanto permaneza a súa relación laboral ou de servizo”.

Para o SERGAS a frase que aparece subliñada (en tanto permaneza a súa su relación laboral ou de servizo) refírese ao vínculo contractual concreto actual, e non á condición de empregados/as ao servizo da Administración Pública. É dicir, nunha cuestión que non supón aforro ningún, o SERGAS fai unha interpretación da norma, coa que CIG-Saúde non coincide considerando que é a máis restritiva e por riba discriminatoria, ao conseguir con estas modificacións, que traballadores/as das mesmas categorías teñan bases de cotizacións distintas en función de se se trasladaron ou se promocionaron ou algunha outra circunstancia. E tendo en conta que os traslados, a promoción interna ou este tipo de procesos son procedementos regrados e ofertados polo propio SERGAS inda ten máis gravidade a cousa.

Á CIG-Saúde parécelle “o colmo do despropósito que á sarta de recortes e agresións aos empregados/as públicos/as se lles engada a redución das bases de cotización discriminando entre persoas da mesma categoría en base á interpretación restritiva da norma, e penando ao persoal por participar nos procesos regrados que o propio SERGAS establece”. Desde CIG-Saúde  porán este asunto en mans da Asesoría Xurídica e elaborarase un modelo de reclamación previa (a solicitar nos locais).

Do mesmo xeito, demandan que este asunto sexa levado á reunión da Mesa Sectorial que se debería convocar en setembro, onde esixirá enerxicamente a restitución das contías das bases de cotización ás que establece a norma, as mesmas que en decembro de 2010.

1