Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 31/8/2012
Segundo diferentes informacións quedou sen financiamento bancario para continuar as obras
CIG-Saúde demanda a convocatoria urxente do Consello Galego de Saúde para que se explique a situación do Hospital de Vigo
A CIG-Saúde vén de remitir, por escrito, á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, a solicitude dunha convocatoria extraordinaria do Consello Galego de Saúde para que se dea conta no organismo da situación actual das obras do novo Hospital de Vigo e sobre o financiamento das mesmas.

2011 10 27 ManifaVigo6

A solicitude faise porque segundo diversas informacións, a UTE adxudicataria das obras do Hospital de Vigo emitiu un informe, ao xulgado que leva o recurso contencioso iniciado pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, no que se afirma que “a día da data, transcorrido máis dun ano da adxudicación do contrato, o acceso ao financiamento bancario viuse pechado”, o cal indica, para a CIG-Saúde que a estas alturas “non hai financiamento para continuar as obras do Novo hospital de Vigo”.

De feito, lembra a CIG-Saúde, pouco despois a propia conselleira confirmaba que a día de hoxe esa é a situación ao afirmar que “segue negociando coas entidades financeiras para conseguir a financiamento”.

A federación de Saúde da CIG considera que se trata dun asunto de grande calado e que preocupa, e moito, á cidadanía, “non só de Vigo, senón a toda a poboación galega”. Por iso considera imprescindíbel a convocatoria do Consello, dado que alí é onde se debe informar ás persoas designadas por diversas organizacións sociais que nel se atopan representadas.

1