Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 4/9/2012
O persoal, que ten recorridos os despedimentos pola vía xudicial, denuncia que se atopan nunha situación de total desprotección
Industrias Caamaño despide á práctica totalidade dos traballadores que secundaron as folgas e continúa sen pagar os salarios
Máis de dous meses despois de que os traballadores de Industrias Caamaño iniciasen un intenso calendario de mobilizacións (que se estendeu durante os meses de xuño e xullo), o propietario e o xerente só tomaron dúas decisións: despedir a práctica totalidade dos operarios que secundaron as folgas (incluídos os tres delegados de persoal) e continuar sen abonar os salarios atrasados.

12-06-18 Folga Industrias Caamaño

A situación en Industrias Caamaño (que ten as instalacións en Culleredo e se dedica á carpintería de aluminio e aceiro) chega a ser tan esperpéntica e desesperante que mesmo o empresario recoñece a improcedencia dos despedimentos dalgúns traballadores e xa lles comunicou verbalmente a todos os afectados que “ten o caixón cheo” pero se queren cobrar as débedas salariais terán que reclamar pola vía xudicial.

Cómpre lembrar que as débedas ascenden a un mínimo de catro meses de salario, ás dúas pagas extraordinarias de 2012 e aos atrasos correspondentes aos tres últimos anos. A esta contía hai que engadir as indemnizacións polos despedimentos naqueles casos xa recoñecidos pola empresa como improcedentes. Todos os despedimentos están recorridos xudicialmente.

No caso dos traballadores que continúan coa súa actividade laboral en Industrias Caamaño, os pagos dos salarios estanse efectuando dun xeito non puntual, fraccionado e sen garantías.

Hai que destacar tamén que os traballadores despedidos son aqueles que contan con maior antigüidade na empresa; un dos afectados leva 39 anos como empregado de Industrias Caamaño. Esta circunstancia fai sospeitar ao colectivo de traballadores despedidos que o empresario está a aproveitar para executar un ERE encuberto, co obxectivo de desfacerse do persoal máis antigo dun xeito barato.

Neste senso, os ex traballadores temen que as intencións últimas do xerente pasan polo peche definitivo de Industrias Caamaño e desfacerse das débedas contraídas tanto co persoal como cos provedores. Este temor vese reforzado, matizan os ex empregados, polo feito de que nos últimos tempos todo fai indicar que o xerente desviou fondos de Industrias Caamaño a outras empresas da súa propiedade.

Ademais, pola pouca información da que dispoñen os traballadores, presuntamente hai dúas empresas operando no centro de traballo da Avenida da Cordeda, que tamén estarían a contratar novo persoal.

Fronte a este cúmulo de despropósitos, os traballadores queren denunciar publicamente que se atopan totalmente desprotexidos, xa que a empresa nin aparece nos actos de conciliación no SMAC, nin poden convocar accións de presión como unha folga (ao non integrar xa o cadro de persoal) e nin sequera dende a Inspección de Traballo se lles achegou máis solución que acudir aos xulgados.

De feito, dende a Inspección indicóuselles que non podía adoptar máis medidas que as sancións económicas; medida que non parece moi efectiva tendo en conta o historial de débedas da empresa e que nin sequera acatou a sentenza xudicial firme que lle obriga a readmitir a un dos delegados de persoal.

Novas anteriores

1