Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 6/9/2012
Outono quente
Ignacio Ramonet
Publicado en Le Monde Diplomatique ()
20120906_mobilizacion.social.jpg

Estamos asistindo á gran batalla do Mercado contra o Estado. Chegamos a un punto en que o Mercado, na súa ambición totalitaria, quere controlalo todo: a economía, a política, a cultura, a sociedade, os individuos... E agora, asociado aos medios de comunicación de masas que funcionan como o seu aparello ideolóxico, o Mercado desexa tamén desmantelar o edificio dos avances sociais, iso que chamamos: “Estado de benestar”.

 Coma se as vacacións de verán fosen un manto de esquecemento que disipase a brutalidade da crise, os medios de comunicación tentaron distraernos con doses masivas de embrutecemento colectivo: Eurocopa de fútbol, Xogos Olímpicos, aventuras estivais de “famosos”, etc. Desexan facernos esquecer que unha nova vaga de recortes se aveciña e que o segundo rescate de España será socialmente máis magoante... Mais non o conseguiron. Entre outras razóns, porque as audaces aldrabadas de Juan Manuel Sánchez Gordillo e o Sindicato Andaluz de Traballadores (SAT) romperon o conxuro e mantiveron a alerta social. O outono será quente.

 Nunha conversa pública mantida en agosto pasado (1) co filósofo Zygmunt Bauman coincidiamos na necesidade de romper co pesimismo imperante na nosa sociedade desenganada do xeito tradicional de facer política. Debemos deixar de ser suxeitos individuais e illados, e converternos en axentes do cambio, en activistas sociais interconectados. “Temos o deber de tomar o control das nosas propias vidas -afirmou Bauman-. Vivimos un momento de grave incerteza onde o cidadán non sabe realmente quen está ao mando, e isto fai que perdamos a confianza nos políticos e nas institucións tradicionais. O efecto na poboación é unha situación constante de medo, de inseguridade... Os políticos sugestionan aos cidadáns para que sempre teñan medo, e así poder controlalos, constrinxir os seus dereitos e limitar as liberdades individuais. Estamos nun momento moi perigoso, porque as consecuencias de todo isto afectan á nosa vida diaria: repítennos que debemos ter seguridade no traballo, mantelo malia as duras condicións de emprego e de precariedade, porque así obteremos diñeiro para poder gastar... O medo é unha forma de control social moi poderosa”.

 Se o cidadán xa non sabe quen está ao mando é porque se produciu unha bifurcación entre poder e política. Até hai pouco, política e poder confundíanse. Nunha democracia, o candidato (ou a candidata) que, pola vía política, conquistaba electoralmente o poder Executivo, era o único que podía exercelo (ou delegalo) con toda lexitimidade. Hoxe, na Europa neoliberal, xa non é así. O éxito electoral dun Presidente non lle garante o exercicio do poder real. Porque, por riba do mandatario político, están (ademais de Berlín e Angela Merkel) dous supremos poderes non electos que aquel non controla e que lle ditan a súa conduta: a tecnocracia europea e os mercados financeiros.

 Estas dúas instancias impoñen a súa axenda. Os eurócratas esixen obediencia cega aos tratados e mecanismos europeos que son, xeneticamente, neoliberais. Pola súa banda, os mercados sancionan calquera indisciplina que se desvíe da ortodoxia ultraliberal. De tal xeito que, prisioneiro da canle desas dúas ríxidas ribeiras, o río da política avanza obrigatoriamente en dirección única sen apenas marxe de manobra. Ou sexa: sen poder.

 “As institucións políticas tradicionais son cada vez menos críbeis -dixo Zygmunt Bauman- porque non axudan a solucionar os problemas nos que os cidadáns se viron envolvidos de súpeto. Produciuse un colapso entre as democracias (o que a xente votou), e os ditados impostos polos mercados, que engolen os dereitos sociais das persoas, os seus dereitos fundamentais”.

 Estamos asistindo á gran batalla do Mercado contra o Estado. Chegamos a un punto en que o Mercado, na súa ambición totalitaria, quere controlalo todo: a economía, a política, a cultura, a sociedade, os individuos... E agora, asociado aos medios de comunicación de masas que funcionan como o seu aparello ideolóxico, o Mercado desexa tamén desmantelar o edificio dos avances sociais, iso que chamamos: “Estado de benestar”.

 Está en xogo algo fundamental: a igualdade de oportunidades. Por exemplo, estase privatizando (ou sexa: transferindo ao mercado) de forma silenciosa a educación. Cos recortes, vaise crear unha educación pública de baixo nivel no que as condicións de traballo estruturalmente van ser difíciles, tanto para os profesores como para os alumnos. O ensino público vai ter cada vez máis dificultades para favorecer a emerxencia de xente nova de orixe humilde. En cambio, para as familias acomodadas, o ensino privado vai coñecer seguramente un auxe maior. Vanse crear de novo unhas categorías sociais privilexiadas que accederán aos postos de mando do país. E outras, de segunda categoría, que só terán acceso aos postos de obediencia. É intolerábel.

 Nese sentido, a crise probabelmente actúa como o shock, do que fala a socióloga Naomi Klein no seu libro ‘A Doutrina do shock’ (2): utilízase a desfeita económico para permitir que a axenda do neoliberalismo se realice. Creáronse mecanismos para ter vixiadas e baixo control as democracias nacionais, para poder aplicar (como está pasando no Estado español e pasou antes en Irlanda, Portugal ou Grecia) feroces programas de axuste vixiados por unha nova autoridade: a troika que forman o Fondo Monetario Internacional, a Comisión Europea e o Banco Central Europeo; unhas institucións non democráticas cuxos membros non son elixidos polo pobo. Institucións que non representan os cidadáns.

 E, porén, esas institucións -co apoio duns medios de comunicación de masas que obedecen aos intereses de grupos de presión económicos, financeiros e industriais- son as encargadas de crearen as ferramentas de control que reducen a democracia a un teatro de sombras e de aparencias. Coa complicidade compracente dos grandes partidos de goberno. Que diferenza hai entre a política de recortes de Rodríguez Zapatero e a de Mariano Rajoy? Moi pouca. Ambos inclináronse servilmente ante os especuladores financeiros e obedeceron cegamente as consignas eurocráticas. Ambos liquidaron a soberanía nacional. Ningún dos dous tomou decisión política ningunha para lle pór freo á irracionalidade dos mercados. Ambos consideraron que, ante os ditados de Berlín e o ataque dos especuladores, a única solución consiste -ao xeito dun rito antigo e cruel- en sacrificar á poboación coma se o tormento inflinxido ás sociedades puidese acougar a cobiza dos mercados.

 En semellante contexto, teñen os cidadáns a posibilidade de reconstruír a política e de rexenerar a democracia? Sen dúbida. A protesta social non cesa de se amplificar. E os movementos sociais reivindicativos vanse multiplicar. Por agora, a sociedade española aínda cre que esta crise é un accidente e que as cousas volverán axiña a ser como eran. É unha miraxe. Cando teña conciencia de que iso non ocorrerá e de que estes axustes non son “de crise” senón que son estruturais, que veñen para quedar definitivamente, entón a protesta social alcanzará probabelmente un nivel importante.

 Que esixirán os protestatarios? O noso amigo Zygmunt Bauman teno claro: “Debemos construír un novo sistema político que permita un novo modelo de vida e unha nova e verdadeira democracia do pobo”. A que agardamos?

___________________________________________________________________

Notas:

(1) No marco do Foro Social organizado no seo do Festival Rototom Sunsplash en Benicàssim (Castellón) do 16 ao 23 de agosto de 2012. www.rototomsunsplash.com/es.

(2) Naomi Klein, La doctrina del shock. El auge del capitalismo del desastre, Paidós, Barcelona, 2007.

___________________________________________________________________

 

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 203, setembro de 2012]