Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 6/9/2012
A compañía tampouco fixo fronte ós preto de 400.000 euros en indemnizacións por despidos
O grupo empresarial Maderas del Atlántico, de Caldas de Reis, pecha as portas sen abonarlles os salarios os seus empregados/as
O grupo de empresas Maderas del Atlántico vén de pechar as súas portas tras anos de actividade no polígono industrial de Veigas de Almorzar, na localidade pontevedresa de Caldas de Reis, deixando na rúa a 32 traballadores/as, ademais dunha débeda millonaria cos provedores. A CIG denuncia que que a compañía ten sen pagar varios salarios e tampouco abonou os preto de 400.000 euros pendentes en indemnizacións por despidos.

RecursoMadeira

O peche da compañía foi feito público recentemente polo responsábel comarcal da CIG no Salnés, Xoán Xosé Bouzas. A firma, integrada por catro sociedades, cesa a súa actividade tras varios Expedientes de Regulación de Emprego suspensivos e extintivos sen ter abonado os salarios pendentes nin os preto de 400.000 euros en indemnizacións por despidos, que foron na súa maior parte recorridos ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).

Bouzas asegurou que nalgúns casos as nóminas pendentes de cobro remóntanse a 2007, aínda que existen outras máis recentes, incluso deste mesmo ano. Outros empregados/as estiveron sen cobrar varios meses seguidos, chegando a acumular 15.000 euros en salarios, sen ter en conta as indemnizacións non abonadas. Neste senso, critica que a compañía non pagase nada os traballadores/as durante os EREs suspensivos, aínda que a planta tivese actividade.

Os problemas na madeireira comezaron ao inicio da crise, en 2008, cando tiveron lugar os primeiros despedimentos improcedentes. A partir de 2010 optou por aplicar EREs que nunca foron acordados cos sindicatos, pero non sería até 2011 cando se acolle á Lei Concursal.

En abril deste ano a empresa proponlles os acredores unha serie de quitas que estes no aceptan, polo que entra en proceso de liquidación. Tras dous meses de espera para atopar unha solución que nunca dá chegado, o Xulgado do Mercantil liquida a firma e dita a extinción da actividade.

Maderas del Atlántico chegou a contar cun cadro de persoal de entre 150 e 200 persoas, aínda que non momento do peche só tiña contratadas un total de 32. A maioría deles son xente nova, xa que a media de idade non supera os 40 anos.

1