Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 9/9/2012
As organizacións sindicais denuncian o desmantelamento que os gobernos do PP están a practicar no sector público para favorecer os beneficios dunhas cantas empresas
10.000 persoas maniféstanse polas rúas de Compostela en defensa do emprego e uns servizos públicos de calidade
Máis de 10.000 persoas manifestáronse este sábado en Compostela para amosar o seu rexeitamento aos recortes no emprego e os servizos públicos e contra das políticas privatizadoras aplicadas polos Gobernos do PP. A marcha, convocada pola Plataforma galega en defensa dos servizos públicos -integrada por 18 organizacións entre as que se atopa a CIG-, partiu da alameda pouco despois das 11:30 horas e rematou diante do Complexo administrativo da Xunta en San Caetano, onde o actor Federico Pérez, procedeu a dar lectura ao manifesto conxunto.

12-09-08 Manifestacion servizos publicos

Manifesto en defensa dos Servizos Públicos e o Emprego Público

As actuais políticas privatizadoras, que restan recursos aos servizos públicos que recibe a cidadanía en favor dos beneficios empresariais duns poucos , xunto cos recortes orzamentarios experimentados nos últimos tres anos e o ataque frontal ás empregadas e empregados públicos, debilitaron os servizos públicos poñendo en risco o mantemento e a continuidade dos servizos esenciais que ata agora definiran o Estado do benestar, ao tempo que quebran o marco de dereitos democráticos e laborais.

A crise está a ser utilizada polos Gobernos de Galiza e do Estado español, desvergonzadamente, como a escusa perfecta para subtraer recursos dos servizos esenciais, xustamente cando, na situación actual, que castiga co paro e a exclusión social a miles de familias galegas, se debe apostar por reforzalos e así garantir as necesarias coberturas sociais, o obrigado amparo do Estado e do Goberno Galego e a atención igualitaria e solidaria para toda a cidadanía.

Ambos Gobernos encontran  a maneira de privatizar o público,  lanzar á cidadanía aos brazos das empresas especuladoras en servizos sociais, educativos e sanitarios, medios de comunicación e transporte, e arremeter sen contemplacións contra  o persoal do sector público, recortando os seus dereitos laborais e sindicais, destruíndo emprego e intentando socavar a confianza da cidadanía  con campañas mediáticas e políticas destinadas a desacreditar a súa imaxe. Estes Gobernos, coñecedores de que a estrutura laboral do Sector Público e os dereitos conquistados ao longo dos anos polo seu persoal, constitúen un punto de referencia para traballadores e traballadoras doutros sectores laborais, pretenden pasarnos rolo a toda máquina para achandar o terreo aos intereses empresariais.

As empregadas e empregados públicos traballamos para que se garantan os dereitos os cidadáns e  cidadás e por eles temos que loitar. Por eles e pola nosa dignidade. Sobre nós, sobre a nosa profesionalidade e o noso traballo desenvolvese o estado do benestar, a xustiza social, os dereitos e avances democráticos e os servizos que recibe a cidadanía. Nós somos os  que prestamos os servizos públicos, os que estamos a atender nos hospitais, os que conseguimos que os enfermos se sintan seguros, os que garantimos a seguridade e os dereitos individuais e colectivos, o transporte e a comunicación, os que facemos que a educación e a formación gratuíta das novas xeracións sexa posible, os que facemos posible que os servizos públicos e sociais cheguen o conxunto da cidadanía, á marxe da clase social ou dos recursos económicos que dispoñan, os que facemos posible o dereito á xustiza. E por iso temos que loitar.

Os traballadores e traballadoras do sector público somos profesionais e a pesar diso soportamos o peso da mala xestión dos recursos públicos e a covardía dos gobernos en responsabilizar o persoal  das súas propias incompetencias. Para as empregadas e empregados públicos sempre houbo política de recortes.

Furtáronnos o 45% do noso salario nos 15 últimos anos e restáronnos dereitos laborais e sociais. A parte das conxelacións salariais e devaluación dos nosos salarios, no ano 2010 tivemos unha baixa salarial media dun 5% , acadando nos grupos superiores ata o 10%, e este ano 2012 dun 7,1%, supresión de días de libre disposición, penalización económica por enfermidade.. etc.

A repercusión desa política de recortes indiscriminada que veñen realizando os Gobernos central e galego ten, tamén unha enorme incidencia nas Administracións Locais, as máis próximas á poboación, que viron como se minguan os dereitos dos seus traballadores e traballadoras e os recursos que necesitan para a prestación dos servizos sociais. E a pesar diso damos cada día a pel para servir aos cidadáns e cidadás. Dende sempre, nese "contexto socioeconómico global", fomos as empregadas e os empregados públicos, como persoal e como persoas usuarias, os que soportamos cos nosos dereitos, os nosos salarios e ata a nosa propia imaxe os disparates, os privilexios e dispendios dos que están e estiveron na Administración de xeito conxuntural.

A reivindicación polo mantemento dos servizos públicos de calidade, e universais, a simplificación e racionalización do sistema público de seguridade, non é só dos empregados e empregadas públicos. Debe ser un berro único en defensa dos dereitos básicos e dos que os defendemos cada día dende o noso posto de traballo no Sector Público. É a hora de pasar da indignación á rebeldía cidadá, é a hora da loita, na rúa e nos centros de traballo, cóbado a cóbado estudantes e persoas desempregadas, autónomas, pensionistas, e traballadores e traballadoras dos distintos sectores de actividade, movementos sociais e o conxunto da cidadanía que quere e merece unha alternativa diferente, que ten dereito, a uns servizos públicos dignos que nos fagan sentir que, á marxe da súa situación económica que gocemos, seguimos sendo cidadáns  e cidadás de primeira.

Porque estes Gobernos se senten impunes actuando como actúan, non podemos permitir que se saian coa súa nin que utilicen a Lei para impoñer os seus intereses. Debemos expresar o noso rexeitamento con contundencia porque, de non o facer, sentiranse lexitimados para continuar gobernando de costas aos nosos dereitos como empregadas e  empregados públicos e como cidadáns e cidadás, ás costas do noso pobo e contra os seus intereses.

Conscientes dos dereitos da cidadanía e comprometidos cos traballadores e traballadoras do sector público, asinamos o presente manifesto e convocamos os empregados e empregadas públicas de Galiza e o resto da poboación a defender os Servizos Públicos.

Manifesto asinado por:

CIG; CCOO; UGT; CSI·F; CESM; OMEGA; SATSE; USAE; ANPE; USO;USTG;CGT;STAJ;SIAT;ACAIP;CEP;SUP;UFP;AUGC;UniónGC

08 de setembro de 2012

1