Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 12/9/2012
A Sección Sindical da CIG subliña que a infraestrutura é vital para garantir a supervivencia do sector e a preeminencia no mercado de reparación de buques
O Comité de Navantia inicia un peche no concello de Ferrol para esixir a construción do dique flotante
O Comité de Navantia iniciaban este martes un peche no Concello de Ferrol, logo de que a empresa pública amosase ás claras a falta de apoio á construción do novo dique flotante, aducindo problemas para atopar financiamento e unha suposta falta de rendibilidade da infraestrutura. O peche, ao que hoxe se incorporaron tamén delegados/as das auxiliares, prolongarase até que se concrete unha data para a reunión da comisión de seguimento, que xa tiña que terse celebrado en agosto.

12-09-11 Peche Naval

O contido da carta remitida polo Conselleiro Delegado de Navantia ao Comité e aos alcaldes da comarca pondo en dúbida a viabilidade e rendibilidade do novo dique flotante (en contradición cos informes que se están a elaborar), desencadeou unha resposta inmediata entre o persoal dos estaleiros da ría de Ferrol. Como primeira medida de presión, os membros dos Comités iniciaron un peche con carácter indefinido no interior da Casa do Concello de Ferrol, que non abandonarán até que se convoque a última reunión da comisión de seguimento do dique flotante.

No consistorio mantiveron un encontro cos voceiros/as dos grupos municipais para trasladar o seu malestar polas novas achegadas dende Navantia e reclamaron ao alcalde ferrolá que convoque de xeito urxente a mancomunidade de municipios da ría co obxecto de abordar este duro golpe á industria naval da comarca e reafirmase na defensa do sector. 

Mentres isto sucedía no interior do casa do concello, miles de traballadores/as manifestaban nas rúas a súa oposición ao contido da carta remitida por Navantia, e reclamaron da empresa pública unha reposta positiva para a construción do dique, xa que esta obra paliaría de xeito inmediato os problemas de falta de carga de traballo e permitiría aos estaleiros públicos galegos manterse á cabeza do mercado internacional de reparación de buques.

Manel Grandal, co-voceiro da CIG de Ferrol e membro da Sección Sindical en Navantia, negaba a disxuntiva proposta polo Presidente da Xunta que agora afirma que a solución para o naval pasa por conseguir carga de traballo ou levantar a infraestrutura.“Estamos vendo como o PP se descolga pouco a pouco do tema do dique. Pero nós temos claro que para garantir o futuro do naval é fundamental que se constrúa o novo dique”, aseverou.

A este respecto matizou que o abandono de Navantia ten provocado que os estaleiros ferrolás cedan postos no mercado internacional de reparación de buques. Un negocio rendíbel no que as instalacións de Francia ou Holanda compiten con forza e xa comezan a acaparar contratos con compañías que até agora levaban os seus barcos a Ferrol.

En canto aos prometidos contratos con Pemex, Grandal ten moi claro que os quimiqueiros mexicanos non se van construír en Ferrol. Do mesmo xeito, dubidou dos previsíbeis anuncios electorais do PP sobre nova carga de traballo, alertando que se tratarán de pequenos contratos de poucas horas, que non suporán unha solución para a profunda crise que vive o sector nin frearán a sangría de despedimentos nas empresas auxiliares. Cómpre lembrar que dende principios de anos o número de empregos destruídos xa ascende a 1.700.

Así as cousas, e coa vista posta na campaña electoral, os traballadores e traballadoras do naval estudan levar adiante un novo calendario de mobilizacións máis intenso, para esixir compromisos efectivos e unha aposta política polo futuro dunha industria da que depende toda a comarca de Ferrolterra.

1