Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 14/9/2012
A CIG realiza unha concentración nos xulgados de Ferrol en apoio a seis membros da Asmeblea de Desempregados/as denunciados por participar nunha acción nun supermercado
“Aquí non se nos vai xulgar por un feito como un furto, senón pola cuestión ideolóxica que está no fondo”
Varias ducias de delegados e delegadas da CIG, membros da asemblea de desempregados/as e afiliados/as da central sindical concentráronse este venres ás portas dos xulgados de Ferrol para rexeitar o enxuizamento de seis compañeiros/as que participaron nunha acción simbólica nun supermercado. Dende a central sindical denunciouse a criminalización deste tipo de accións reivindicativas, que só pretenden chamar a atención sobre a dramática situación na que se atopan miles de persoas, mentres que os verdadeiros culpábeis da crise non só non son xulgados, senón que mesmo se lles recompensa.

12-09-14 XuizoFerrol00

Ás portas dos xulgados, Carlos, da Asemblea de Desempregados/as da CIG de Ferrol, non podía deixar de amosar o seu asombro polo feito de estar imputado, xunto a outras cinco persoas, por ter participado nunha acción simbólica que pretendía chamar a atención sobre a dramática situación que están a padecer os/as desempregados/as, en especial o colectivo de parados/as de longa duración.

Tanto Carlos como o resto das persoas denunciadas forman parte da Asemblea de Desempregados/as organizada arredor da CIG de Ferrol, que nos últimos meses viñeron realizando distintas accións reivindicativas co obxecto de lanzar unha advertencia sobre as dificultades económicas ás que se vén sometidos/as os parados/as e, ao mesmo tempo, para instar ás persoas sen traballo a non resignarse e mobilizarse na defensa dos seus dereitos.

Os/as membros do colectivo están denunciados por un delito de faltas por furto e pídeselles en total 25,37 euros por supostamente retirar do supermercado produtos de primeira necesidade. Aínda que a policía frustrou en parte a acción, as pretensións da asemblea/a non eran quedarse cos alimentos senón entregalos na Cociña Económica.

“Esta é unha inxustizas máis. É difícil de entender que un acto simbólico para chamar a atención sobre unha problemática tan grave, como que a xente comece a ter dificultades para poder comer, se converta nun xuízo, mentres que aos verdadeiros responsábeis de que nos atopemos nesta situación, de que haxa miles de persoas en risco de exclusión social, non só non se lles xulga, senón que mesmo se lle premia con importantes indemnizacións e dánselle novos cargos á fronte de institucións económicas ou políticas”, aseveraba o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, no marco da protesta. 

Pola súa banda, Carlos, que leva case un ano no paro e procede do sector da construción, censuraba a premura coa que a policía actuou neste caso xa “que foi quen presionou realmente á empresa para que puxese a denuncia”. Do mesmo xeito, lamentou que dende o poder xudicial se admitise á tramite a denuncia, “converténdose en cómplices desta farsa. Porque aquí non nos van xulgar polo feito dun roubo, nos van xulgar pola cuestión de fondo que hai detrás”, confirmou.

E mentres xulgan a desempregados/as e sindicalistas por reclamar unhas condicións de vida dignas, lamentaba, dende os gobernos séguense facendo recortes, cuestiónase a necesidade de continuar coa axuda dos 400 euros para as persoas paradas, redúcense as contías das prestacións por desemprego e xa se fala de aplicar unha nova rebaixa das mesmas “co obxecto de culpar á clase obreira da crise mentres grandes empresas como Día seguen incrementando os beneficios”.

A este respecto, Seixo adiantou que se os gobernos do PP continúan aplicando políticas de recortes, a entrada en supermercados de xente que non ten para comprar os alimentos non será algo simbólico, “senón algo moi real, e iso é o que verdadeiramente lles debería de preocupar e o que deberían corrixir aplicando outro tipo de medidas económicas e non pola vía de intentar reprimir a aquelas persoas que só buscan chamar a atención sobre unha problemática tan grave”.

Concentración o vindeiro luns

Ao remate da concentración, a Federación do Metal comunicou aos/ás asistentes que o vindeiro luns haberá unha nova protesta diante dos xulgados coincidindo co xuízo por despedimento dun delegado de Electra del Narahío, ao que a empresa botou á rúa logo dun prolongado conflito para reclamar un convenio colectivo e tras telo sometido a unha durísima discriminación. 

Ademais, neste mesmo mes tamén está previsto que se celebren os xuízos por represión sindical contra outros dous delegados da CIG-Metal na comarca, que tamén foron despedidos.

1