Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 14/9/2012
CIG-Ensino denuncia que a Consellaría nomea baixo a figura inexistente de “substituto de zona” a 55 docentes funcionarios/as de carreira
Educación deixa sen destino ao profesorado interino de Filosofía, Latín, Debuxo, Música, Educación Física e Lingua Galega
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación continúa acumulando desatinos neste inicio de curso, tratando con total desconsideración o profesorado e impedindo o normal funcionamento dos centros e a posta en marcha do curso escolar.

12-09-10 concentracion interinos

Os recortes dos cadros de persoal nos centros son tan brutais, denuncia a CIG-Ensino, que agora a Consellaría de Educación vén de nomear, baixo a figura inexistente de “substituto de zona”, 55 profesores/as funcionarios/as de carreira que neste momento no teñen destino concreto e seguramente terán que realizar substitucións nun radio de 50 quilómetros.

Ademais, en materias como Lingua Galega, Filosofía ou Debuxo, a Consellaría de Educación muda o perfil da praza solicitada polos centros de tal maneira que se o centro pide unha praza de Lingua Castelá, por exemplo, e Educación convértea en Lingua Galega con afín de Lingua Castelá. A Federación observa tamén erros na adxudicación de destinos como a adxudicación con afíns non solicitadas ou a adxudicación de prazas inexistentes.

A ampliación do horario lectivo do profesorado e a redución do mesmo nos centros provoca que, ademais de ter que impartir materias das que non é especialista, haxa profesorado que ten que impartir docencia na totalidade do seu horario noutra materia distinta á súa ou docencia noutro nivel.

Nas materias de Filosofía, Latín, Debuxo, Música, Educación Física e Lingua e Literatura Galega, a Consellaría non nomeou a ningún interino ou interina malia darse a circunstancia de que haxa profesorado que leva traballando máis de dez, quince ou vinte anos. Noutras como Grego ou Tecnoloxía unicamente lle adxudicou destino a unha persoa.

“Estamos comprobando tamén que hai centros que superan a rateos de alumnado por aula (25 en Primaria e 30 en Secundaria) malia o compromiso de Feijóo de non ampliar as rateos. No caso dos comedores, hai casos nos que se está prohibindo facer uso do comedor a alumnado que utilizou o servizo o ano pasado e que tería praza este ano se a Consellaría non tivera reducido o número de comensais a través dunha circular enviada aos centros. Esta circular contravén a normativa de comedores escolares que posibilita o uso do comedor a todo o alumnado, previo pago, sempre que non supoña incremento de persoal de cociña, cuestión que non se dá nestes centros”, aseguran.

1