Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 14/9/2012
Dende a central nacionalista reclaman outro tax lease e un novo sistema de financiamento para que as empresas galegas poidan competir en Europa
A CIG denuncia a falta de compromiso de Xunta e Goberno español co naval a alerta do risco de desaparición da industria auxiliar
A CIG saíu hoxe ao paso das últimas informacións aparecidas nos medios de comunicación sobre o sector naval da Ría de Vigo para denunciar a falta de compromiso político da Xunta e do Goberno español cun sector fundamental para a comarca e estratéxico para o conxunto do país. Dende a central nacionalista auguran a desaparición da industria auxiliar se antes de final de ano non se establece un novo sistema de bonificación fiscal e se creen mecanismos para que as empresas poidan optar a financiamento.

2012 09 14 RoldaPrensaNavalVigo01

O responsábel do Naval da CIG, César Rodríguez, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto a membros das seccións sindicais da central nacionalista en Barreras, Vulcano e Freire para abordar a situación do sector e achegar as conclusións da recente Coordinadora do Naval Galego. Rodríguez comezou a súa intervención asegurando que se os estaleiros galegos non teñen carga de traballo “é porque os Gobernos galego e español non queren, xa que estamos a ver como se derivan a Francia buques que antes eran reparados en Ferrol”.

Ao mesmo tempo, censurou que se teñan cumprido xa 15 meses sen o sistema de bonificación fiscal coñecido como tax lease, xa que sen este instrumento financeiro é moi difícil que as empresas galegas poidan competir en igualdade de condicións en Europa. Nesta liña, reclamou a dotación de mecanismos que permitan ás compañías obter financiamento para optar a novas proxectos. “Poden recapitalizar Pymar, crear un Pymar galego ou achegar capital a través do Igape”, indicou.

En canto ós posíbeis contratos anunciados pola Xunta coa petroleira mexicana Pemex, o responsábel do Naval da CIG criticou que polo momento non haxa nada pechado e apuntou que a manobra podería responder ao interese de Pemex por instalarse en Punta Langosteira para ter unha base de carburantes no porto coruñés. “Temos informacións que indicarían que os quimiqueiros que en principio ían construír en Ferrol finalmente serán feitos en Corea”.

Rodríguez adiantou a posibilidade de que antes de final de ano a industria auxiliar da comarca viguesa quede paralizada por falta de carga de traballo nos estaleiros. “En breve virá unha nova vaga de ERE's extintivos, aínda que xa estamos a ver como as empresas cambian os ERE's polos despedimentos por causas obxectivas”. Lembrou que o sector precisaría como mínimo de seis meses para iniciar a recuperación “aínda que hoxe mesmo se lograsen novos contratos”. Finalmente, adiantou que a CIG mantén contactos con outros sindicatos para preparar mobilizacións, “pero no caso de que non se decidan optaremos por convocalas nós”. 

Situación de Barreras, Vulcano e Freire

Xunto a César Rodríguez compareceron membros das seccións sindicais da CIG en Barreras, Vulcano e Freire. O representante da central nacionalista en Barreras, Manel López, lembrou que o estaleiro está a piques da saír da Lei Concursal e que os seus 134 traballadores/as estiveron unha media de 20 meses en ERE. Cualificou a situación da empresa de “agónica” xa que seguen a agardar carga de traballo que permita empregar de novo os arredor de 1.300 traballadores/as da industria auxiliar que están en ERE's de extinción ou suspensión.

Jorge Rodríguez, representante da CIG en Vulcano, explicou que dende que o estaleiro deixou atrás o concurso de acredores hai xa máis de seis meses “seguimos sen carga de traballo”. Os arredor de 120 empregados/as da compañía levan xa máis de 10 meses de media en ERE e e breve asinarán un novo que se prolongará até marzo de 2013.

O encargado de pechar a comparecencia foi o representante de Freire, Emilio Pérez. Comezou a súa intervención recoñecendo que polo de agora a situación da empresa non é tan mala como as anteriores, “aínda que en breve estaremos vivindo unha problemática similar”. Nesta liña, adiantou que onte mesmo a empresa lles comunicou que baralla xa a aplicar un ERE, unha vez que xa están a piques de rematar un oceanográfico encargado por Inglaterra. “ A situación vai camiño de empeorar, e iso que dos 600 empregados/as que había na industria auxiliar só quedan 190”.

1