Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 14/9/2012
Dende a CIG lembran que hai agora dous anos un traballador do SPDCIF recibiu unha descarga de auga dunha aeronave a poucos metros do chan nun incendio forestal na comarca de Trives e dende a Consellería do Medio Rural non se tomaron medidas preventivas para que isto non volvese suceder.
“Agora atopámonos outra vez con un accidente similar, onde non se tomaron as medidas establecidas, a pesares de que existe un protocolo de actuación ante a intervención dunha aeronave nun incendio forestal”. Este protocolo establece que se deberá avisar o persoal de terra da presenza da aeronave.
Dende a central nacionalista pregúntanse que ten que pasar para que a propia Xunta de Galiza tome cartas no asunto. “Debe de producirse unha nova desgraza en forma de accidente mortal dun traballador/a para que Medio Rural e do Mar teña a ben esixir o cumprimento das medidas establecidas no protocolo de actuación das aeronaves?”
Neste senso, lembran que o Goberno galego é o máximo responsábel da implantación das medidas de seguridade para os seus traballadores e traballadoras, de acordo coas leis existentes, “polo que dende a CIG esixímoslle que deixe de mirar cara a outro lado e dunha vez por todas cumpra coa normativa en materia de seguridade no traballo para salvagardar as vidas dos seus empregados/as”.
Finalmente, reclaman a apertura dunha investigación para clarexar o acontecido no accidente do xoves 13 de setembro, “cando tres traballadores do SPDCIF sufriron a descarga de auga dunha aeronave nunha das zonas perimetrais do incendio forestal onde non existía risco ningún para as vivendas nin tampouco para o monte dado a ausencia de lapas”.
1