Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 17/9/2012
O primeiro acto terá lugar nos locais do sindicato nacionalista en Ourense, o vindeiro 25 de setembro
CIG-Banca convoca asembleas de traballadores/as para organizar unha resposta á nova reestruturación do sector financeiro
O Secretariado da Federación de Banca da CIG acordou promover asembleas de traballadores/as das entidades financeiras por toda Galiza, co fin de abordar a situación do sector e organizar unha resposta conxunta fronte ao novo proceso de reconversión que conlevará o Real Decreto de reestruturación e resolución ordenada das entidades. A primeira destas asembleas terá lugar no local do sindicato en Ourense, o día 25 de setembro, a partir das 18:30 horas.

1-11-14_Manifestación_Reestruturación_Banca_0069

A falta de concretar datas para Lugo, Santiago e Ferrol, CIG-Banca xa ten fixadas as datas para as asembleas de Vigo (26 de setembro) e A Coruña (27 de setembro).

O sector financeiro, explican nun comunicado dende a Federación, ten vivido nun proceso de reestruturación permanente ao longo das últimas décadas, realizado sempre a través de medidas non traumáticas e prexubilacións. Porén, dende o comezo da crise fóronse aplicando aos poucos procesos traumáticos, Expedientes de Regulación de Emprego (inicialmente de prexubilacións), que derivaron cara a despedimentos “puros e duros”.

Neste momento, nun gran número de empresas do sector financeiro están abertos procesos de milleiros de despedimentos, ou se agardan procesos deste tipo para os vindeiros meses (entidades nacionalizadas Novagalicia, Banco Gallego, Catalunyacaixa; bancos en procesos de fusión, etc.). O Real Decreto Lei 24/2012 de “Reestruturación e resolución ordenada de entidades”, aprobado polo PP, ten como obxectivo a reestruturación, liquidación e resolución de Entidades, e unha maior concentración.

Hoxe incluso grandes bancos (BBVA-Unnim ou Sabadell-CAM) teñen en marcha procesos con despedimentos masivos que, unha vez abertos, poden estenderse a todo o cadro de persoal. Outros como o Santander, recortan sen recato os dereitos dos traballadores/as, concretamente en materia de Prevención Social, facéndolles pagar o burato de 450 millóns de euros no seu fondo interno. O Banesto, Entidade do Grupo Santander, ten reducido o seu cadro de persoal un 18% dende o ano 2007 a través dun ERE encuberto.

“Estamos ante unha reconversión pura e dura, da que ninguén está a salvo, realizada nun marco de recortes laborais e sociais (desemprego, etc.) que tamén nos afecta. Esta reconversión está impulsada dende a UE; non é a primeira vez que un sector sofre esta situación, pero até o de agora, os sindicatos temos conseguido que a UE e os Gobernos do Estado e Autonómico cedesen, para que este tipo de procesos fosen non traumáticos”, advirte a CIG-Banca.

Neste senso, a Federación da CIG apunta á necesidade planificar unha resposta sindical contundente contra esta destrución de milleiros de postos de traballo e para reclamar a dotación de fondos, tanto para que se faga de xeito non traumático, coma para permitir a reincorporación ao mundo laboral daquelas persoas que están perdendo o seu posto de traballo, e que terán no futuro un difícil encaixe no mercado laboral, nomeadamente as persoas maiores de 40 anos que comezan a ser o branco de moitas empresas.

1