Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 17/9/2012
No acto, diante da Consellaría de Educación, lembrouse que as aulas teñen máis alumnado e menos profesorado
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denuncia os recortes cunha parodia sobre o inicio do curso
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (da que forma parte a CIG) realizou hoxe una parodia sobre a situación que se vai dar nas aulas galegas con motivo do inicio do curso escolar, con máis alumnado nas aulas e menos profesorado nos centros. O acto coincide co arranque do curso en Secundaria, con preto de 1.000 profesores menos.

12-06-27 Plataforma Galega en defensa ensino publico 002

A falta de profesorado foi unha das cuestións que os membros da Plataforma puxeron en evidencia coa representación teatral humorística pero tamén se fixo referencia a outras cuestións como á masificación das aulas, a falta de especialistas ou o apoio da Xunta a centros privados concertados relixiosos ou mesmo que segregan alumnado por razóns de xénero mentres se recortan os medios para o ensino público.

Nesta nova mobilización, Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, referiuse ao PP como "fábrica de parados e paradas" que fai incluso o contrario do que prometeu no seu programa electoral, actuando de maneira fraudulenta coa sociedade. Louzao acusou a Educación de proceder de maneira irregular con falta de planificación ao sacarse da manga, por exemplo, a figura de substituto/a de zona para obrigar ao profesorado funcionario de carreira ao que non lle adxudicou destino a facer substitucións nun radio de 50 quilómetros. Louzao explicou tamén que se superan as rateos de alumnado por aula e puxo o exemplo dos Programas de Cualificación Profesional Inicial nos que se xuntarán até 30 alumnos/as por aula.

Remata Anxo recordando que é imposíbel manter a calidade do ensino público coa impartición de afíns cada vez máis distantes da formación do profesorado e en maior número, e incluso con variación de perfís (materias a impartir) do profesorado.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público esixiu que a Consellaría de Educación rectifique e que cese nos seus ataques ao ensino público, ataques que se concretan, entre outros, nos seguintes recortes:

•    Incremento das rateos e masificación das aulas.

•    Agrupamento, nunha mesma aula, de alumnado de diferentes idades, cursos e niveis.

•    Supresión de 132 unidades, 12 centros e 199 postos de traballo de Educación Infantil e Primaria.

•    Imposición dunha xornada lectiva semanal mínima para o profesorado de 25 horas en Primaria e 20 en Secundaria, o que vai ter como consecuencia que o profesorado terá que impartir materias das que non é especialista para completar horario.

•    Non substitución  do profesorado de baixa até que transcorran 10 días lectivos, é dicir, dúas semanas, o que supón conculcar o dereito á educación do alumnado e alterar o plan de traballo dos centros.

•    Carencia de postos de Formación Profesional que impiden o acceso dun número importante de alumnado aos estudos de Formación Profesional, o que prexudica gravemente as persoas que, precisamente nun momento de crise económica, buscan unha mellor e máis actualizada formación, entre elas moitas persoas paradas.

•    Redución do profesorado nos centros o que comporta o abandono da atención á diversidade e ao alumnado con necesidades educativas especiais.

•    Ampliación a 30 alumnos ou alumnas por aula nos programas de cualificación profesional inicial.

•    Incremento das taxas universitarias, con subas que poden superar o 50% o que xa tivo como consecuencia o abandono de moitos mozos e mozas dos estudos que estaban ao realizar, pois tamén se endureceron as condicións para ao acceso a bolsas de estudos.

•    Insuficiente oferta de prazas de comedores escolares e incremento do gasto escolar das familias.

1