Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 18/9/2012
A central ten convocada unha asemblea de traballadores/as o xoves 20 de setembro, nos locais de Compostela
A CIG abordará o incerto futuro do persoal das oficinas liquidadoras tras o anuncio da creación da Axencia Tributaria galega
Diante da incerteza creada tras do anuncio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, da posta en marcha da Axencia Tributaria galega o vindeiro 1 de xaneiro, a CIG vai celebrar unha asemblea para todo o persoal das oficinas liquidadoras o vindeiro xoves, 20 de setembro, ás 19:30 horas, no local do sindicato en Compostela (r/ Miguel Ferro Caaveiro).

Piruleta CIG

Neste asemblea preténdese abordar a situación na que quedará o colectivo de 120 traballadores/as que neste momento se ocupan de recadar os tributos e informar e asesorar aos cidadáns nas 42 oficinas liquidadoras que existen nas catro provincias.

Dúas semanas despois do anuncio mediático realizado polo goberno de Feijoo, denuncia o Secretario de Organización da CIG de Compostela, Renato Núñez, descoñécese por completo como a administración pretende pór en funcionamento a citada Axencia Tributaria, onde estarán situadas fisicamente as oficias –neste momento están nas dependencias dos Rexistradores da Propiedade por medio dun convenio de colaboración-, cal será o futuro laboral destes 120 traballadores/as, ou que persoal se encargará da recadación dos tributos a partir desa data.

Cómpre lembrar que na semana pasada o colectivo de Rexistradores/as da Propiedade aínda non asinara o convenio de colaboración coa Xunta de Galiza que permitiría manter servizo durante os 2 próximos na provincia da Coruña. Nas outras tres provincias, a Xunta ten previsto manter un acordo polo que seguiría existindo unhas oficinas onde entregar a documentación, máis non tramitarían os expedientes.

Así mesmo, Feijóo non explicou como se realizará a labor destes 120 traballadores/as que quedarían nun limbo a partir do día 1 de Xaneiro. Para esta data non está previsto que haxa persoal especializado que poida asumir de forma automática a labor destes profesionais. Non existe nada relacionado co funcionamento desas oficinas que estea  desenvolvido, non se especifica quen seguirá cobrando os tributos máis alá do día 31 de decembro nas provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo; e na provincia da Coruña, no caso de que non se asine o convenio cos rexistradores.

Tampouco se aclara como se van seguir tramitando os expediente que xa están aberto nas oficinas liquidadoras, algo que podería levar a perda de millóns de euros en Impostos que poderían prescribir pola paralización dos expedientes.

As oficinas liquidadoras funcionan, tamén, como arquivo de documentos e escrituras privada que, no caso de non seguir os convenio coa Xunta, non se aclara quen se fará cargo desa inxente documentación e quen a xestionará.

Neste momento funcionan en Galiza 42 oficinas liquidadoras, con  aproximadamente 120 traballadores/as, que se encargan de recadar os tributos, concretamente xestións relacionadas con sucesións, transmisións, actos xurídicos documentados, societario,  interposición de recurso de reposición, comprobación de valores, notificación de requirimento ás persoas interesadas, etc..

1