Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 18/9/2012
Ante a crise que vive o naval e a falta de solucións políticas, a CIG aposta por dar unha resposta contundente a nivel comarcal
Cúmprese unha semana de peche no Concello de Ferrol sen respostas por parte de Navantia nin dos gobernos
A CIG de Ferrol, diante da falta de avances na concreción para a data da Comisión de Seguimento do Dique flotante, a ausencia de novos contratos para o naval e os reiterados incumprimentos coa bisbarra, aposta por dar unha resposta contundente no mes de outubro e paralizar a comarca para esixir unha resposta política que garanta o mantemento e a recuperación do sector naval público na Ría.

12-05-24 Mobilización naval Ferrol001

“O tempo esgótase para o naval”, asevera o co-voceiro da CIG de Ferrol e membro da Sección Sindical en Navantia. E con esta premisa por diante, a central nacionalista considera que é o momento de dar un paso máis, intensificando o ton das protestas e implicando nelas a toda a cidadanía da comarca de Ferrolterra, pois deste sector dependen 17.000 empregos.

Ocupación pacífica do Concello

Esta afirmación chega cumprido o prazo outorgado polo persoal á Navantia para concretar unha data de reunión da Comisión de Seguimento do Dique, sen que até o momento obtivesen unha resposta. Fronte a isto, a asemblea de traballadores/as acordaba na mañá deste martes continuar as mobilizacións en demanda de carga de traballo, a construción do dique e o cumprimento dos múltiples compromisos adquiridos co sector naval ao longo dos últimos anos.

A primeira medida adoptada refírese ao mantemento do peche indefinido na Casa Concello de Ferrol iniciado hai unha semana por membros dos Comités da empresa principal e delegados/as das auxiliares. Así mesmo, ao remate da asemblea xeral, os miles de traballadores e traballadoras dos estaleiros marcharon até a Praza de Armas para concentrarse e realizar unha ocupación pacífica do Concello, mentres os representantes de persoal mantiñan un encontro co rexedor local para informarse das xestións realizadas nesta última semana.

Na reunión, o alcalde comunicou que a día de hoxe non ten constancia de que estea fixada a data para a reunión da Comisión de Seguimento –que tería que terse celebrado a finais de agosto- e tampouco se comprometeu con cuestións sobre as que non ten control. Posteriormente, a representación dos traballadores/s mantivo outra xuntanza cos voceiros/as dos grupos municipais, que estudarán as medidas que poden levar adiante de xeito conxunto.

Informacións interesadas dende a Xunta

Unha vez máis, dende a Sección Sindical da CIG cuestionáronse as informacións interesadas emitidas dende o Goberno galego, nas que se augura o próximo anuncio dun contrato coa petroleira mexicana Pemex, que nesta volta consistiría nun buque hotel, unha vez que, tal e como advertiran os Comités, os prometidos quimiqueiros non irán parar ás instalacións ferrolás. Informacións que non foron realizadas de xeito oficial nin confimadas por ningunha das partes.

A Sección Sindical da a benvida a calquera novo contrato, mais subliña que un encargo procedente de Pemex non suporá a salvación dos estaleiros, senón que é necesario redobrar os esforzos para acadar carga de traballo abondo que garanta o emprego e permita recuperar os centros de postos de traballo perdidos; aprobar e dotar de financiamento á construción do dique flotante para fomentar a área de reparacións; e abordar en Bruxelas o levantamento do veto político á construción naval civil en Fene. 

1