Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 19/9/2012
Organizarán mobilizacións se nunha semana a Xunta non achega unha resposta ao proxecto para combinar limpeza e extracción
Os mariscadores/as da Ría de Ferrol dispostos a irromper na campaña electoral ante a situación límite na que se atopan
Os mariscadores e mariscadoras das confrarías de Ferrol e Barallobre anunciaron a súa disposición a “irromper na campaña electoral” se nunha semana a Xunta non dá unha resposta positiva ao proxecto que permitiría combinar a actividade extractiva coas tarefas de limpeza e rexeneración da ría, e garantir deste xeito uns ingresos mínimos para os traballadores/as.

12-02-27 Mariscadores colgados na ponte da Pías

Así o anunciaron este mércores os representantes de ambas confrarías, acompañados polo co voceiro da CIG de Ferrol, Xesús López Pintos, e o Secretario Comarcal da FGAMT-CIG, Alexandre Romero, nunha rolda de prensa para denunciar a situación límite á que teñen chegado moitos mariscadores/as e que ameaza mesmo coa continuidade da actividade marisqueira e as propias confrarías.

Unha vez máis, púxose de manifesto a inoperatividade das bateas depuradoras instaladas na ría, na que se están a rexistrar unha elevadísima mortalidade do molusco, que combinada cos prolongados períodos que o marisco ten que pasar depurando e o baixo prezo de venda, provocou que moitos profesionais prefiran xa non saír a faenar.

Ademais, denunciouse o incremento do furtivismo “mentres a Consellaría mira para outro lado. Hai 500 familias en situación límite e en catro ou cinco meses, de non darse unha solución, as confrarías poderían pechar por falta de ingresos”, advertíase na rolda. Neste senso, tamén se apuntou ao “escurantismo” que rexe no departamento dirixido por Rosa Quintana, xa que se nega a achegar datos sobre o custe real das bateas depuradoras, “aínda que está demostrado que son un fracaso e un sistema non rendíbel”, afirmou o responsábel comarcal da CIG.

“A xente leva máis de dous meses en que non conseguen nin cubrir gastos”, criticou Pintos, quen fixo un chamamento urxente á Xunta para que asuma o compromiso adquirido no marco da Mesa de Dinamización de financiar as actividades para a rexeneración e recuperación da ría, mentres non estea concluído o saneamento integral das augas.

Do mesmo xeito, lamentou que dende o pasado mes de maio non se teña convocado a Mesa de Dinamización para avaliar a situación da ría e do colectivo de traballadores/as do mar. Ante esta situación, e se no prazo de unha semana non se recibe contestación por parte da Xunta, o colectivo xa advertiu que irromperá na campaña electoral con mobilizacións de diversa índole.

1