Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 20/9/2012
As protestas forman parte do calendario de mobilizacións acordado polas organizacións sindicais para este mes de setembro, no que tamén se incluíu a convocatoria da concorrida manifestación celebrada o pasado sábado en Santiago.
En cada un dos actos fíxose unha chamada á cidadanía para que amose a súa oposición ao progresivo desmantelamento dos servizos públicos, uns servizos que en tempos de crise como actuais deberían ser potenciados como garante da cohesión social.
Os empregados/as das administracións criticaron que tanto o Goberno de Mariano Rajoy como o de Núñez Feijoo aposten por deixar a xestión dos servizos públicos en mans de empresas privadas, mentres “arremeten sen contemplacións contra o persoal do sector público, recortando os seus dereitos laborais e sindicais, destruíndo emprego e intentando socavar a confianza da cidadanía con campañas mediáticas e políticas destinadas a desacreditar a súa imaxe”.
Neste senso, lembraron que nos últimos 15 anos os traballadores/as das administracións viron recortados os seus dereitos laborais e sociais e perderon un 45% dos salarios.
O calendario de mobilizacións continuará o vindeiro xoves cunha nova xornada de protestas nos centros de traballo.
1