Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 21/9/2012
A plataforma presentou un informe técnico onde se detallan os cambios introducidos “de xeito clandestino” no proxecto inicial
SOS Sanidade Pública de Vigo acusa á Xunta de reducir nun terzo a superficie do novo hospital para beneficiar ás empresas
A Plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo acusa á Xunta de Galiza de reducir nun terzo a superficie do novo hospital e de permitir un empeoramento da calidade construtiva e dotacional para favorecer o aumento do beneficio das empresas. Voceiros/as do colectivo -entre os que se atopa un representante da CIG- presentaron un informe técnico no que se detallan os cambios introducidos “de xeito clandestino” no proxecto, ao tempo que adiantaron que tamén están a revisar todo o proceso para determinar se pode existir un incumprimento de contrato.

2012 09 20 RoldaPrensaSOSSanidade01

O documento presentado en Vigo recolle todas as modificacións incorporadas ao proxecto inicial do ano 2008 e vén a demostrar, segundo manifestaron dende SOS Sanidade Pública, que o Goberno que preside Núñez Feijóo “mente e engana á veciñanza”.

Neste senso, indicaron que a superficie total da nova infraestrutura sanitaria “redúcese de xeito considerábel, sendo xa insuficiente para atender a demanda prevista, que é dunha 600.000 persoas”. En concreto, perderá 36.000 metros cadrados: 16.000 na área dotacional e outros 17.000 na de estacionamento. Segundo os cálculos, isto permitirá que a empresa concesionaria poida aforrar uns 32 millóns de euros, “aínda que non se traducirá nunha rebaixa do canon que deberá abona a Xunta durante 20 anos”.

Os profesionais sanitarios amosaron especial preocupación pola redución que vai experimentar a superficie destinada ao servizo de Urxencias, que ronda o 25%. Tamén denuncian a baixada no número de quirófanos (pasan de 36 a 20) e a eliminación da área de cirurxía maior ambulatoria (había oito salas previstas). Na súa opinión, a rebaixa de equipamentos cirúrxicos coincide coa ampliación do concerto co hospital privado Povisa.

Ao mesmo tempo, criticaron que a empresa que executa os traballos reclame agora oito millóns de euros por sobrecustes na cimentación e outros 10,5 en concepto de equipamento non clínico. Nesta liña, auguran que esta cantidade se incrementará en 11 millóns máis, polo que a cifra total chegará aos 29 millóns. O custe total do proxecto está fixado en 281 millóns.

Así mesmo, dende a Plataforma SOS Sanidade Pública denunciaron que con esta operación os responsábeis do Sergas “pretenden garantir o statu quo do negocio sanitario de Povisa e conseguir que a Unión Temporal de Empresas que se encarga do proxecto aumento beneficios”.

Finalmente, instaron ao presidente da Xunta a rescatar a concensión e a retomar a construción do novo centro hospitalario "dende o ámbito do público".

1