Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 21/9/2012
A representación do persoal demanda unha reunión coa Xerencia para abordar a falta de persoal nos centros
O Comité de Centros advirte que a situación na Atención Primaria de Lugo “é insostíbel”
O Comité de Centros da Xerencia de Atención Primaria de Lugo vén de manifestar, unha vez máis o seu “máis amplo rexeitamento da política de recursos humanos levada a cabo polo equipo xestor da Xerencia”, que ten suposto un grave deterioro na calidade asistencial prestada.

Estetoscopio

O Comité, formado por SAE, UGT, CCOO, CSIF, CESM-Omega, SATSE e CIG-Saúde, enumera nun comunicado as “características” da actuación da Xerencia:

1.    Prioridade absoluta da non substitución das ausencias do persoal de cadro. É dicir, a contratación do persoal das distintas listaxes de contratación é testemuñal, o que pon de manifesto o deterioro na calidade asistencial que se presta aos cidadáns/ás, e aumenta as listas do paro en todas as categorías profesionais.

2.    Incumprimento reiterado da normativa en materia de contratacións, xa que as poucas contratacións que se realizan fanse abusando da contratación “fóra de cadro de persoal” , cando debería ser usado a fórmula do contrato de “substitucións” que é moito máis garantista dos dereitos dos profesionais.

3.    Dende o nomeamento deste equipo directivo vense producindo o incumprimento reiterado e no tempo da normativa aplicable en materia de substitucións. (Orde 16 de xuño de 2008, a cal prioriza a contratación de substitutos).

4.    Contratacións a tempo parcial, por horas..., que provoca a perda da posibilidade de continuar a contratación cando se xera outra situación do titular, e a maiores créanse graves dificultades de atención sanitaria naquela franxa horaria no que o centro se queda sen profesional que atenda aos usuarios

5.    Mobilizacións de profesionais duns centros a outros que non se entenden ni por parte da cidadanía, nin dos veciños adscritos aos centros de saúde.

“Dende este comité entendemos que a situación na atención primaria en Lugo é insostible, e polo tanto, temos solicitada reunión con carácter de urxencia coa XAP Lugo, co ánimo unha vez máis de que sexa produtiva, aínda que moito nos tememos que coma sempre non acheguen solucións e se enroquen nalgunha resposta de manual, e unha vez máis non nos darán  a información solicitada dende hai meses por parte desde comité, incumprindo novamente a normativa a tal efecto”, lamentan.

1