Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 21/9/2012
Esta medida, recollida no PXOM de Abegondo, permite gañar edificabilidade no núcleo urbano de Mabegondo a costa de limitar a actividade do centro de investigacións
A CIG denuncia a permisividade da Xunta na desagregación de preto de 30.000 m2 de terreos experimentais do CIAM
A CIG-Administración vén de censurar “a permisividade do Presidente Feijóo e dos/as responsábeis dos departamentos de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Medio Rural e Mar e de Facenda” na segregación de preto de 30.000 m2 de terreos experimentais pertencentes ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, segundo se contempla no recentemente aprobado PXOM de Abegondo

CIAM

As seccións sindicais de Funcionarios e de persoal laboral da  CIG da Consellería de Medio Rural e do Mar na provincia da Coruña denuncian que o recentemente aprobado Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Abegondo segrega preto de 30.000 m2 do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, lindeiras coa estrada AC-542 de Betanzos a Mesón do Vento, actualmente dedicados a experimentación en cultivos forraxeiros adaptados ás explotacións de leite de vacún en Galiza.

Previamente, en xaneiro do ano 2011, a CIG presentara alegacións contra o proxecto do PXOM, que contemplaba dedicar os terreos do centro de investigacións a viais e espazos libres que permitirían gañar edificabilidade nas unidades de actuación do núcleo urbano de San Tirso de Mabegondo.

Nas instalacións da finca do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) está construído un complexo tecnolóxico de investigación e servizos ao sector agrario, levantado pola Consellaría do Medio Rural na pasada lexislatura, que alberga ao Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galiza, o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite e o Laboratorio de Sanidade Animal, ademais do propio CIAM que está localizado en Abegondo desde comezos dos anos 70 do pasado século. Así mesmo este complexo constitúe o maior centro de traballo co Concello de Abegondo, ao empregar a máis de 200 persoas.

A Sección Sindical da CIG na Consellaría de Medio Rural e Mar considera imprescindíbel a defensa da integridade dos recursos e medios materiais dos que dispón a administración autonómica para desenvolver traballos de investigación agropecuaria no único centro co que conta para tal finalidade, cuxa necesidade cobra especial relevancia na actual situación de crise económica á que se suma a alza de prezo dos pensos e materias primas que ameaza a continuidade de moitas das explotacións leiteiras galegas. “Calquera redución dos recursos de investigación, en especial a terra, necesaria e única para o desenvolvemento de experimentacións en cultivos e gandería, supón un perigo para a estabilidade dos postos de traballo e a continuidade do labor a prol do crecemento produtivo do noso País”, denuncia Xan López nun comunicado.

A CIG-Administración Pública da Coruña lembra que os terreos do CIAM son de dominio público e foron cedidos polo estado á Xunta de Galiza no ano 1983 co obxectivo de seren destinados á investigación agraria, mais non para especular con eles nin facer campaña ou negocio.

Por estas razóns, a CIG-Administración quere trasladar á cidadanía galega a súa censura por igual á pésima xestión dos responsábeis da consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, cuxo departamento aproba o PXOM; da consellaría de Medio Rural e  Mar -que ostenta a titularidade dos terreos- pola súa incapacidade de defender os recursos de investigación por ela tutelados; da consellaría de Facenda, competente en materia de patrimonio da Xunta, e por riba deles a do presidente Feijoo, contumaz na súa laboura de destrución do tecido produtivo en Galiza.

"Sen esquecer o papel do alcalde do concello de Abegondo e ex-conselleiro de Agricultura da Xunta co PP, José Antonio Santiso Miramontes, quen sempre ollou con voracidade os terreos do Centro de Investigacións e que pretende facer unha política municipal de baixo perfil a conta dos terreos de titularidade pública, afectados á investigación agraria, dos que beneficia o medio rural e o conxunto da cidadanía galega”, aseveran.

1