Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 24/9/2012
Organización sindicais e profesionais do sector constitúen unha Plataforma para denunciar o desmantelamento e privatización que a Xunta está a facer no servizo
Persoal de prevención e extinción de incendios manifestarase o 29 de setembro por un servizo público, unificado e profesional
Organizacións sindicais e profesionais con presenza no colectivo de traballadores/as dos servizos de prevención e extinción de incendios forestais de Galiza, presentaron este mediodía a Plataforma conxunta constituída para denunciar o desmantelamento que o Goberno da Xunta está a facer do servizo e anunciaron a convocatoria dun intenso calendario de mobilizacións, que incluirá unha manifestación o sábado 29 de setembro en Compostela, con saída ás 11:30 horas dende a estación de tren.

12-09-24 RP Plataforma incendios

A Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais está integrada pola CIG (Federación de Servizos e Administración), a UGT, e as asociacións profesionais Apropiga e Aprafoga, segundo explicaban en rolda de prensa representantes destas organizacións. Porén a Plataforma está aberta a novas adhesións, e especialmente fíxose un chamamento ás entidades e colectivos vinculados ao sector forestal e ao mundo rural a sumarse á iniciativa.

A través desta Plataforma preténdese coordinar e organizar ao colectivo de traballadores/as de prevención e extinción para facer unha fronte común contra o desmantelamento do sector na Galiza que está a realizar o Goberno do PP. Neste senso, explicaron, xa son catro os instrumentos que a administración galega emprega no operativo de extinción: persoal da Xunta, da empresa pública Seaga, de Tragsa e de Natutecnia.

Esta multiplicidade supón que cada un dos colectivos teña as súas condicións laborais propias, imposibilita a coordinación adecuada e desprofesionaliza o servizo na procura de “man de obra barata e sen dereitos laborais”.

Entrada plena das empresas privadas

A este respecto, os representantes lembran que este ano, por primeira vez, deuse entrada no servizo a empresa plenamente privadas, cuxo obxectivo “é obter un beneficio económico por apagar os lumes que se producen no noso País”. Unha privatización “en toda regra” que se suma ao desmantelamento planificado nestes últimos anos do servizo propio da Xunta.

Por iso, criticaron á Xunta pola súa “política absolutamente irresponsábel” nun tema tan complexo para o noso País, como a problemática dos lumes, e acusou ao Goberno galego de renuncia de antemán a realizar unha auténtica política preventiva e forestal.

En vistas da situación, as organizacións sindicais e profesionais e traballadores e traballadoras da Xunta, Seaga, Tragsa e Natutecnia acordaron constituír  esta Plataforma, que se fundamenta nas seguintes reivindicacións:

- A defensa dun Servizo Público, Único e Profesional de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais. Non ás privatizacións do servizo.

- A contratación de todo o persoal realizada a través dun sistema único de listas de contratación, dentro do ámbito da función pública, e cunha valoración equitativa do tempo traballado segundo cada caso.

- A profesionalización do dispositivo e a eliminación do gasto da militarización dos nosos montes.

- Por un Plano Forestal de verdadeira prevención de incendios. Reclaman un traballo digno no que se fomente a prevención e a colaboración cos propietarios forestais para a conciliación de intereses como ferramenta contra os incendios forestais. - Anticiparse ao lume significa minimizar os seus efectos, e acadar así un emprego máis estábel e un sector forestal máis produtivo e xerador de riqueza nun momento tan necesario para Galiza.

Calendario de mobilizacións

A primeira das mobilizacións organizadas pola Plataforma para visibilizar as súas reivindicacións realizarase este mesmo sábado, 29 de setembro, cunha gran manifestación que sairá ás 11:30 horas dende a Estación de tren de Santiago, percorrerá as rúas da zona nova para rematar na Praza de Praterías.

Ademais, segundo explicou María Rodinho, do Comité de Seaga, o colectivo estuda a elaboración dun intenso calendario de mobilizacións que irán concretando e desenvolvendo en función da repercusión que teña a manifestación do sábado e a resposta que se dea dende a Xunta de Galiza ás reivindicacións do sector.

“O sector forestal é unha riqueza de todo o pobo galego, e debemos ser todos e todas nós quen o defendamos das erradas políticas dos diferentes gobernos galegos”, defenden. E con este obxectivo,  dende Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención Contra incendios, nacida do colectivo de traballadores e traballadoras contra incendios lanzouse un chamamento público á sociedade galega a apoiar esta iniciativa de racionalizar a situación do monte galego, e en especial animaron ás diferentes organizacións e colectivos vinculados ao sector forestal e ao mundo rural a sumarse a esta Plataforma, e a apoiar as súas mobilizacións.

1