Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 24/9/2012
Na protesta convocada pola CIG en Vigo tamén se denunciou que 54 días despois da abandonar o caladoiro as axudas seguen sen chegar
Mariñeiros/as galegos/as concéntranse diante da Axencia Europea de Pesca para reclamar un novo acordo pesqueiro con Mauritania
Máis dun cento de mariñeiros/as que faenaban en augas mauritanas concentráronse hoxe diante da Axencia Comunitaria de Control da Pesca en Vigo para reclamar un novo acordo pesqueiro que lles permita regresar ao traballo en augas do país magrebí. Durante a protesta, convocada pola CIG, tamén se denunciou a tardanza coa que se están a tramitar as axudas, tendo en conta que 54 días despois de que os cefalopodeiros galegos tivesen que abandonar o caladoiro aínda non foron publicadas no Boletín Oficial do Estado.

2012 09 24 AxenciaPescaVigoMauritania01

Un nutrido grupo de mariñeiros/as que faenaban en Mauritania, concentrouse a partir das 10.30 horas diante da sede comunitaria en Vigo, situada na rúa García Barbón, onde despregaron varias faixas reclamando a implicación dos Gobernos español e galego no conflito. Unha hora despois abandonaban o lugar anunciando que as mobilizacións continuarán nos vindeiros días.

Os afectados/as reclaman que se negocie un novo acordo que lles permita faenar, ao tempo que critican a lentitude coa que se está a levar a tramitación das axudas. Neste senso, denunciaron que as achegas de 45 euros diarios que recibirían a cambio de seren expulsados do caladoiro continúan sen publicarse no BOE.

Dende a CIG explicaron que o pasado 31 de xullo os 24 barcos conxeladores arrastreiros que faenaban en augas mauritanas -20 deles galegos, con tripulacións maioritariamente do Morrazo e Vigo- tiveron que abandonar o caladoiro do país magrebí despois de que rematase o anterior acordo entre a Unión Europea e Mauritania. Como consecuencia, numerosas familias quedan sen o seu principal modo de vida, situación que xa se deu con anterioridade coa expulsión dos barcos galegos de augas saharianas.

Nos últimos anos, segundo denunciaron, a flota galega que faenaba en augas saharianas foise reducindo até a situación actual, pasando de 250 barcos aos 24 que quedaban a 31 de xullo. Tal e como lembrou o responsábel de CIG-Mar, Xabier Aboi, ao remate da protesta a nosa pesca foi a que perdeu máis peso dende a entrada na Unión Europea no ano 1986, “porque nunca foi defendida politicamente en beneficio doutros intereses económicos”.

Aboi asegurou que non existen razóns para que a UE ratificase un acordo que deixa fóra a flota cefalopodeira: “nin de tipo biolóxico, que son as que se adoitan aducir”. Neste senso, incidiu en que cada vez que a flota galega é obrigada a abandonar un caladoiro este é ocupado por flotas de terceiros países, “como nesta ocasión ocorre cos chineses, que veñen de firmar un acordo por 25 anos para faenar no caladoiro mauritano”.

Diante disto, reclamou a non ratificación do actual acordo pesqueiro co país magrebí; a apertura dunha liña de axudas á flota, que na actualidade non conta con ningún tipo de medida paliativa pola paralización da actividade; o inicio de negociacións para lograr o retorno da flota cefalopodeira a Mauritania; e a ampliación de acordos pesqueiros con terceiros países (Marrocos, Senegal...) onde non exista, como no caso sahariano, o veto á flota cefalopodeira.

1