Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 26/9/2012
O Sector de Autonómica en Ferrol lembra que os/as cidadáns/ás da comarca teñen que agardar até 800 días por unha avaliación de minusvalía
CIG-Administración critica que Benestar faga propaganda coa avaliación da Dependencia cando ameaza coa amortización de empregos
A CIG Administración Autonómica de Ferrol vén de criticar a aparición de folletos no edificio administrativo –para seren repartidos- sobre a calidade do servizo de política social da Xunta, cando existe na comarca a ameaza de amortización de oito dos postos de traballo do servizo de Dependencia e os usuarios/as teñen que agardar até 800 días para a avaliación dunha minusvalía.

Piruleta CIG

Este libriño, segundo explican os traballadores/as da Consellaría de Traballo e Benestar, refírese á carta de servizos anunciada estes días nos medios pola Xunta de Galiza, e é unha das esixencias previstas para a implantación do Modelo Europeo de Dependencia e Autonomía Persoal. Porén, denuncian, “publicado neste momento, a menos de un mes das eleccións autonómicas, e tratando un tema de tanta sensibilidade, non pode menos que cualificarse de promesas ou propaganda electoral, xa que no propio libro se lles denomina compromisos”.

Do mesmo xeito, a responsábel comarcal do sector da Autonómica, Carmen Viso, pon en dúbida as cifras reflectidas no mencionado folleto, cando na realidade, na bisbarra os cidadáns e cidadás teñen que padecer un tempo de espera de 800 días para a avaliación dunha minusvalía.

Neste senso, Viso pide ao candidato do PP, Alberto Núñez Feijoo, e á titular da Consellaría, Beatriz Mato que, en troques de propaganda electoral, fagan unha aposta por unha verdadeira política social e doten aos traballadores/as dos medios e recursos necesarios para atender ás demandas de valoración e atención dos sectores máis necesitados da poboación.

Así, denuncia que despois de catro anos de demandas do Comité e da Xunta de Persoal de ampliar a equipa de avaliación –xa que só hai unha única equipa para atender a máis de 210.000 persoas na comarca de Ferrol-Eume-Ortegal-, tan só se reforzou o servizo este mesmo mes coa contratación dunha equipa para a tarde.

1