Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 26/9/2012
Dende a central nacionalista lembran que Linorsa debe quedar fóra do proceso porque foi sancionada por fraude á Seguridade Social
A CIG detecta irregularidades no concurso do servizo de limpeza municipal de Vigo que poderían beneficiar á actual concesionaria
A CIG denuncia que as irregularidades detectadas no proceso de adxudicación do servizo de limpeza do Concello de Vigo poderían beneficiar á actual concesionaria, Linorsa. Dende a central nacionalista lembran que a empresa debe quedar fóra do concurso dado que foi sancionada por fraude á Seguridade Social.

2012 09 26 RoldaPrensaConcursoLimpezaVigoLinorsa

A CIG fixo públicas esta mañá en rolda de prensa as alegacións presentadas ao procedemento aberto para a adxudicación do servizo de limpeza do Concello de Vigo. O secretario comarcal, Serafín Otero, e a secretaria comarcal da federación de Servizos, Transi Fernández, compareceron para explicar as irregularidades detectadas durante o proceso.

Serafín Otero tomou a palabra en primeiro lugar para criticar a actitude da actual concesionaria, Linorsa, que opta a renovar o contrato a pesar de incumprir os requisitos establecidos pola lei para poder participar no proceso xa que foi sancionada pola Inspección de Traballo por fraude á Seguridade Social. O secretario comarcal da CIG de Vigo acusou á compañía de perseguir ás afiliadas/os da CIG, até o punto de chegar a despedir a unha delegada do comité de empresa.

Pola súa banda, Transi Fernández asegurou que o prego de condicións do concurso presenta numerosas irregularidades que poderían beneficiar a Linorsa, entre as que salientou a falta de determinados datos necesarios para facer unha avaliación de custes axeitada. En concreto, os referentes aos distintos lugares de traballo: número de horas semanais, categorías laborais, tipos de contrato e idades das traballadoras/es.

Outra anomalía sobre a que incidiu a representante sindical ten que ver co desfase no número de traballadores/as do servizo, xa que as cifras facilitadas pola empresa na relación de horas e antigüidades entregada ao Concello para elaborar o prego de condicións e as feitas públicas pola compañía noutras ocasións non coincide. De feito, Linorsa estaría a 'inflar' o cadro de persoal necesario para xestionar o servizo en máis de 20 persoas (no documento entregado ao Concello figuran 102 empregados/as, cando no servizo non traballan máis de 80 persoas). Con esta manobra, segundo manifestou Fernández, Linorsa pretende disuadir a outras empresas de que se presenten.

1