Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 26/9/2012
Os afectados/as, que levan máis de 50 días sen cobrar, reclaman un novo acordo entre a UE e o país magrebí que lles permita seguir traballando
Mariñeiros do caladoiro mauritano logran que lles envíen de Madrid o borrador das axudas tras ocupar a Deputación de Pontevedra
Arredor dun cento de mariñeiros e armadores/as da flota cefalopodeira en augas de Mauritania lograron que o lles remitise un borrador do plan de axudas previsto tras a expulsión das embarcacións galegas propiciado polo acordo entre a UE e o país magrebí. Os afectados/as non abandonaron a institución provincial até que o seu presidente lles confirmou que o Ministerio de Agricultura accedía a entregarlles o documento.

2012 09 26 PecheDepuPonteMauritania01

A protesta iniciouse pouco despois das 10.30 horas coa entrada dun nutrido grupo de mariñeiros/as e armadores/as ao interior do edificio situado fronte á Alameda pontevedresa. Unha vez dentro, ocuparon o salón de plenos e reclamaron unha entrevista co máximo responsábel da Deputación, Rafael Louzán, que tamén é o presidente provincial do PP.

O secretario nacional de CIG-Mar, Xavier Aboi, explicou que o obxectivo da mobilización era forzar ao dirixente popular a que reclamase información sobre o plan de axudas pactado tras a saída forzosa do flota galega do caladoiro mauritano. Aboi lembrou que “máis de 50 días despois seguimos sen saber nada das axudas”, ao tempo que amosou a súa preocupación polos rumores que apuntan que os criterios para optar a elas poderían cambiar. “Chegounos información de que pretenden vincular o dereito a recibilas a estar en ERE, algo que non ten sentido porque todo o persoas está xa no paro”, polo que reclamou que as axudas se tramiten “para todos/as tal e como se falou”. Do contrario -advirte- seguirán coas protestas.

Tras a xuntanza con Louzán -na que participou unha representación de traballadores/as e armadores/as- os afectados/as permaneceron no interior do edificio até que o presidente provincial lles confirmou que o Ministerio de Agricultura enviaría o documento. Arredor das 13.30 horas abandonaban o edificio, non sen antes anunciar que o sábado estudarán o borrador nunha asemblea que celebrarán en Marín. 

1