Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 27/9/2012
A CIG esixe ao Goberno a busca de mecanismos para garantir a produción do aluminio nas dúas fábricas da Galiza, con independencia das decisións da multinacional norteamericana
Centos de traballadores/as de Alcoa reclaman ante a Xunta a continuidade da actividade nas fábricas e o mantemento dos empregos
Centos de traballadores e traballadoras procedentes das factorías de Alcoa en San Cibrao e A Coruña concentráronse este xoves diante dos edificios da Xunta en Compostela para reclamar dos gobernos galego e español a toma de decisións políticas que garantan o futuro da actividade industrial das factorías do aluminio e a alúmina en Galiza e o mantemento de todos os postos de traballo. Nesta ocasión, na protesta tamén participaron operarios/as procedentes das plantas que Alcoa ten en Avilés, Alacant e Amorebieta.

12-09-27 Protesta persoal Alcoa_016

Ao berro de “rescatan aos banqueiros, despiden aos obreiros” ou “onde están que non se ven as promesas do PP” e no medio do forte estoupido dos petardos, os traballadores e traballadoras das plantas de Alcoa mantiveron unha concentración durante dúas horas ás portas do complexo administrativo de San Caetano, para pedir á Xunta que urxa ao Ministerio a dar unha solución á problemática da tarifa eléctrica , xa que o prezo da enerxía tense convertido na escusa aducida pola multinacional estadounidense para ameazar co peche das súas factorías a partir do próximo cinco de outubro.

No marco da mobilización, unha representación do persoal mantivo un encontro co Conselleiro de Industria, Javier Guerra, que se prolongou por espazo de unha hora. Ao remate da mesma, Antonio González, que asistiu ao encontro en representación da CIG, explicaba que “estamos igual que hai un mes, a excepción de que agora sabemos que o Presidente do Goberno español se entrevistou co Presidente mundial de Alcoa para supostamente buscar vías de solución”. A reunión, presuntamente se celebrou aproveitando a presenza de Mariano Rajoy na Asemblea Xeral da ONU celebrada estes días en New York.

Non obstante, o titular do departamento autonómico non concretou cales foron os termos abordados nesa reunión nin os seus posíbeis resultados. Sobre esta indefinición, González valorou a posibilidade de que, no marco da campaña electoral, o Partido Popular aproveite para dar a información “a bombo e platillo nunha visita á planta de San Cibrao, e só  para a planta de San Cibrao”. 

A este respecto, dende as Seccións Sindicais da CIG en Alcoa e dende a Federación do Metal, esixíuse aos gobernos do PP que busquen unha solución urxente que garanta a a continuidade dos postos de traballo e da actividade industrial tanto na Mariña como na Coruña.

No tocante ao canon enerxético, Julio Moskowich, delegado da CIG na Coruña, cualificaba de “terroríficas” e “totalmente electoralistas” as declaracións realizadas polo Ministro de Industria, José Manuel Soria, a respecto de que o estado estaba en negociacións para manter as condicións actuais da tarifa eléctrica para a grande industria. “É evidente que non vai dicir que o goberno non busca ningunha solución ao problema, sobre todo estando en período electoral. Pero manter as tarifas actuais non é unha solución viábel para nós, porque Alcoa considera que con estes prezos non é competitiva”. puntualizou.

Neste senso, González engadía que “se o Ministerio puido facer un esforzo para modificar a tarifa para Canarias e para outros consumidores, tamén o poden facer para Galiza. Queremos un sistema igualitario de compensación para poder seguir traballando”, máis cando o noso País é o segundo produtor de enerxía do estado español.

En canto ás aseveracións de que a Xunta non contempla o peche das plantas de Alcoa en Galiza, Moskowich amouse moi escéptico por canto a ameaza da multinacional está enriba da mesa -e cun prazo moi concreto-. “Pode ser que na Xunta teñan informacións que os traballadores/as descoñecemos, pero a ameaza de peche sigue aí”, aseverou.

En calquera caso, dende a CIG apóstase pola continuidade da produción do aluminio no noso País, sexa con Alcoa ou sen ela. “O que reivindicamos é que a Xunta de Galiza ten que apostar pola continuidade da fábrica da Mariña e A Coruña. Son dous polos produtivos cuxo peche suporía a destrución de miles de postos de traballo directos e indirectos”, advertía o Secretario Nacional da Federación do Metal da CIG, Xoán Xosé Bouzas Aboi.

Así mesmo, Aboi criticou a falta de responsabilidade política do PP, xa que até o momento dende a administración galega non exista aínda un compromiso firme na defensa de que ambas factorías continúen coa produción, independentemente de como se resolva o marco tarifario.

Dende as Seccións Sindicais apuntan que se a multinacional decide abandonar a produción en Galiza -porque non está conforme co prezo da enerxía ou porque prefire deslocalizar a produción para obter maiores marxes de beneficio- debería ser a propia administración á que facilite a busca dun comprador ou mesmo que directamente proceda a devolver a produción do aluminio para o sector público.

Galería de imaxes

1