Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 27/9/2012
O sábado 29 de setembro, ás 11:30 horas, dende a estación de tren de Santiago de Compostela
A Alianza por un Medio Rural Galego Vivo apoia a manifestación en defensa dun servizo público de prevención e extinción
A Alianza por un Medio Rural Galego Vivo vén de trasladar o seu apoio á manifestación convocada para o sábado 29 de setembro en Compostela pola Plataforma na Defensa do Servizo Público de Prevención Contra Incendios en defensa dun servizo público, unificado e profesionalizado. A Alianza, integrada pola CIG, ADEGA, FRUGA e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, subliña a necesidade de desenvolver o traballo preventivo "que pasa por apostar pola multifuncionalidade dos nosos montes, aproveitando os seus recursos naturais, fuxindo dos intereses empresariais extensivos e fomentando a fixación de poboación no rural do noso país".

12-09-27 Cartaz Mani 29-09-12

A continuación reproducimos o comunicado emitido pola Alianza:

A Alianza por un Medio Rural Galego Vivo apoia a Plataforma na Defensa do Servizo Público de Prevención Contra Incendios e súmase á manifestación convocada por esta para o sábado día 29 de setembro en Compostela baixo o lema “Na defensa do servizo público contra incendios. Non á privatización”.

Máis alá das reivindicacións en materia de dereitos laborais, que asumimos e facemos propias, temos o convencemento pleno de que a prevención e loita contra os incendios dos nosos montes só será efectiva e respectuosa co medio se é integramente pública, sen intereses económicos e tentacións especulativas.

Un mando único e unha soa coordinación son claves para acadar os obxectivos na extinción. Mais non debemos esquecer o traballo preventivo que pasa por apostar pola multifuncionalidade dos nosos montes, aproveitando os seus recursos naturais, fuxindo dos intereses empresariais extensivos e fomentando a fixación de poboación no rural do noso país. Só así se pode acadar un medio natural rendíbel e sustentábel a un tempo.

Reafirmámonos na necesidade de derrogar a recentemente aprobada Lei de Montes de Galiza, por ser unha ferramenta legal que condea aos nosos montes á desaparición, tal e como hoxe os concibimos, sendo substituídos por extensións infinitas de especies invasivas de rápido crecemento e de especulación no corto prazo, ademais de condenar definitivamente ao despoboamento do noso medio rural.

Facemos un chamamento a todas as persoas que integran as organizacións que compoñemos esta Alianza, e á sociedade galega en xeral, a participar na manifestación do vindeiro sábado 29 de setembro en Compostela, que partirá ás 11:30 horas desde a Estación do Tren.

Ourense, 27 de setembro de 2012

Asinado: Anxo Pérez Carballo

1