Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 28/9/2012
Queren evitar a desaparición do servizos nas localidades onde se veñen prestado, e a súa centralización nas cidades
O persoal das oficinas liquidadoras reclama o mantemento do servizo nas mesmas condicións e a sinatura de novos convenios
Diante da incerteza creada tras do anuncio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, da posta en marcha da Axencia Tributaria galega o vindeiro 1 de xaneiro, a CIG vén de celebrar dúas asemblea co persoal das oficinas liquidadoras.  Nestas asembleas abordouse a situación na que quedará o colectivo  que neste momento se ocupa de recadar os tributos e informar e asesorar aos cidadáns nas 42 oficinas liquidadoras que existen nas catro provincias.

Piruleta-CIG

Ademais, acordouse solicitar reunións co Decano dos Rexistradores, co Presidente da Xunta de Galiza e cos candidatos á presidencia da Xunta dos partidos políticos con representación parlamentaria para transmitirlles a petición do colectivo de manter o servizo nas mesmas condicións que se viña prestando. Tamén queren dar a coñecer a experiencia doutras comunidades onde se deron situacións similares á que se está dando en Galiza e finalmente tiveron que volver a realizar o servizo da forma que se estaba prestando anteriormente.

Neste momento descoñécese por completo como a administración pretende pór en funcionamento a citada Axencia Tributaria, onde estarán situadas fisicamente as oficinas –neste momento están nas dependencias dos Rexistradores da Propiedade por medio dun convenio de colaboración-, cal será o futuro laboral deste colectivo, ou que persoal se encargará da recadación dos tributos a partir desa data.

A día de hoxe o colectivo de Rexistradores/as da Propiedade aínda non asinara o convenio de colaboración coa Xunta de Galiza que permitiría manter servizo durante os 2 próximos na provincia da Coruña. Nas outras tres provincias, a Xunta ten previsto manter un acordo polo que seguiría existindo unhas oficinas onde entregar a documentación, máis non tramitarían os expedientes.

Así mesmo, Feijóo non explicou como se realizará a labor destes 120 traballadores/as que quedarían nun limbo a partir do día 1 de Xaneiro. Para esta data non está previsto que haxa persoal especializado que poida asumir de forma automática a labor destes profesionais. Non existe nada relacionado co funcionamento desas oficinas que estea  desenvolvido, non se especifica quen seguirá cobrando os tributos máis alá do día 31 de decembro nas provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo; e na provincia da Coruña, no caso de que non se asine o convenio cos rexistradores.

Por outro lado, non se pode esquecer a importante perda de servizos que suporía a desaparición desas oficinas en moitas localidades como Ortigueira, Carballiño, Negreira… obrigando aos veciños e veciñas a acudir á cidade máis próximo cos correspondentes gastos de transporte e os inconvenientes que iso conleva.

Tampouco se aclara como se van seguir tramitando os expediente que xa están aberto nas oficinas liquidadoras, algo que podería levar a perda de millóns de euros en Impostos que poderían prescribir pola paralización dos expedientes.

As oficinas liquidadoras funcionan, tamén, como arquivo de documentos e escrituras privada que, no caso de non seguir os convenio coa Xunta, non se aclara quen se fará cargo desa inxente documentación e quen a xestionará.

1