Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 1/10/2012
Na marcha, convocada pola Plataforma en defensa do SPDCIF, denunciáronse as políticas privatizadoras da Xunta e a mercantilización dos nosos montes
Centos de persoas maniféstanse en defensa dun servizo público, profesional e único de prevención e extincións de lumes
Centos de persoas manifestáronse o sábado polas de rúas de Compostela en demanda dun servizo de prevención e extinción de incendios público, profesionalizado e unificado e para demandar un cambio de política no entendemento da xestión da seguridade dos montes galegos que está a practicar o goberno da Xunta do PP.

12-09-29_ManiDefensaSPDCIF_156

A manifestación foi convocada pola Plataforma para a Defensa do servizo público de prevención e extinción de incendios de Galiza, integrada pola CIG, CNT, UGT, CCOO, as asociacións profesionais Aprafoga e Apropinaga, a Organización de Montes Veciñais en Man Común, Adega, Fruga, Verdegaia e a Plataforma en Defensa das Fragas do Eume.

Ao remate da marcha, que saíu da estación do tren, percorreu as rúas do centro de Compostela e rematou na Praza de Praterías, un traballador do sector foi o encargado de dar lectura ao manifesto conxunto, explicando os obxectivos e demandas da Plataforma. Dende o colectivo denúnciase a política de privatización e desmantelamento que o Goberno do PP está a levar a cabo co SPDCIF, agravada este ano coa plena entrada na loita contra os incendios de empresas privadas que “pretenden obter beneficio económico por apagar os lumes”.

“Cando un goberno pon en mans dunha empresa privada a coordinación, contratación e dirección dunha parte do dispositivo a través dun procedemento sen publicidade, está a roubar a todos os galegos/as o noso dereito a que os cartos sexan xestionados de maneira máis transparente e eficaz”, denuncian.

A este respecto, criticaron a fragmentación que existe do dispositivo na loita contra os lumes, cada un coas súas condicións laborais e sen que sexa posíbel unha coordinación adecuada. “O que se pretende realmente é só man de obra barata, sen dereitos laborais e sen formación para abocarnos a unha privatización baseada nunha nefasta xestión”, aseveran.

Fronte a esta situación, dende a Plataforma reivindicouse o carácter público do servizo; a unificación do sistema de contratación (dentro do ámbito da función pública); a profesionalización do dispositivo e a racionalización do gasto; a eliminación do gasto da militarización dos montes; abrir vías para consensuar, entre todos os sectores implicados, unha verdadeira política forestal que prime a prevención, a conservación e a posta en valor do noso medio ambiente; así como a necesidade dun maior número de técnicos e axentes forestais.

Dende a Plataforma fíxose tamén unha chamada de atención sobre a necesidade de mellorar a seguridade e saúde laboral do persoal do sector, así como a protección do medio ambiente por enriba de calquera recorte.

A manifestación rematou cunha lembranza para os traballadores e traballadoras que nos últimos anos perderon a vida nos nosos montes na loita contra os lumes. 

Galería de imaxes da manifestación

1