Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 1/10/2012
A Plataforma entende que as contas presentadas polo Goberno de Mariano Rajoy "reflicten as continúas mentiras do PP, no relativo aos anuncios de actuacións previstas para a limpeza e recuperación desta zona". Así, lembran que no escrito remitido pola Secretaría de Presidencia á Plataforma, asegurábase que o Executivo estatal ten previsión de iniciar “no presente exercicio” a redacción do proxecto de dragado, xestión e tratamento de lodos. Porén, aínda que efectivamente se conclúa dito proxecto –que chegará con moitos anos de atraso- a súa posta en marcha -ao non haber nin sequera previsión orzamentaria- seguirase adiando no tempo, como mínimo até o ano 2014.
"A decisión de destinar cero euros para a Ría do Burgo no ano 2013 confirma que todas as declaracións feitas pola Xunta de Galiza e o Goberno de Feijoo son falsas e puras mentiras", aseveran. Así mesmo, constata o abandono e absoluto desprezo da Xunta e de Feijoo cara ás principais vítimas da grave contaminación existente na ría do Burgo: os colectivos de mariscadores e mariscadoras sumidos na miseria económica e cada día máis comidos polos lodos e o medre da improdutividade dos bancos marisqueiros.
Neste senso, apuntan que non deixa de ser paradoxal que a bandeira electoral coa que se viste o PP sexa a defensa e a creación de emprego, "mentres deixa ben claro o seu total abandono e desinterese" por garantir a continuidade da actividade laboral das ducias de mariscadores e mariscadoras que viven da ría; ignorando, ademais, todas as posibilidades para xerar emprego que ten a ría e as súas capacidades como motor de crecemento económico da comarca.
Resulta inxustificábel que, un ano máis, dende o goberno de Madrid se deixe sen asignar ningunha contía económica para acometer de xeito inmediato o prometido proxecto de dragado da ría; así como todas aquelas actuacións inaprazábeis para a recuperación integral deste espazo.
Así mesmo, denuncian que a falta de dotación orzamentaria "reflicte tamén a incapacidade e incompetencia de Carlos Negreira, alcalde da Coruña e máximo responsábel do Partido Popular nesta provincia, que enche titulares de periódico anunciando proxectos e estudos para salvar á ría, pero que na realidade non é capaz de defender diante dos gobernos amigos os intereses dos seus veciños/as".
Fronte a este desprezo, a Plataforma continuará esixindo do Goberno que consigne partidas económicas ao obxecto de acordar un calendario de actuacións e fixar prazos reais -a través do BOE e o DOG- para o inicio do Plano de Rexeneración da Ría, así como o seu dragado, tratamento, limpeza de lodos e todas as accións para o seu saneamento integral.
Dende a Plataforma anunciarase nos próximos días novas actuacións para esixir o cumprimento das nosas xa históricas reivindicacións.
1