Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 1/10/2012
No ano 2009, o Ministerio de Sanidade publicou o documento “Estratexia no Cancro do Sistema Nacional de Saúde”, que foi aprobado por unanimidade no Consello Interterritorial do SNS e que recollía entre os seus obxectivos avanzar na prevención coa detección precoz do cancro de mama estabelecendo un programa no que se prevía a realización de mamografías, cun intervalo entre exploracións de dous anos, a mulleres de entre 50 e 69 anos.
O Comité Técnico que elaborou este documento estaba formado por representantes das sociedades científicas e profesionais de recoñecido prestixio como persoas expertas na materia. Entre as 14 asociacións profesionais integrantes deste comité estaban as de Oncoloxía Médica, de Epidemioloxía, de Enfermería Oncolóxica, de Oncoloxía Radioterápica e de medicina Familiar e Comunitaria.
Tanto o persoal médico como especialistas en oncoloxía aseguran que o 80% dos cancros melloran cun diagnóstico precoz. Porén, a CIG denuncia que este goberno vaise encargar de que a súa prevención estea en función da renda económica das mulleres. “Se tes cartos poderás pagar as mamografías, senón, esperarás un diagnóstico tardío”.
A isto, a CIG alerta de que o tratamento tamén está en cuestión e que dependerá de se tes dereito ou non a recibir asistencia sanitaria. “As desigualdades sociais que están a fomentar as políticas neoliberais levadas a cabo polo goberno do PP tanto en Galiza como no resto do Estado, teñen como consecuencia que a pobreza e as desigualdades sociais teñan cada día máis rostro feminino”, afirman tanto desde a secretaría da Muller como desde CIG-Saúde.
1