Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 1/10/2012
O voceiro da Plataforma, Manuel G. Moreira, da CIG, explicou que decidiron convocar a protesta tras constatar que o centro hospitalario que se está a construír en Valadares “non é o que Vigo necesita” e criticou tamén o modelo de financiamento escollido para executar o proxecto, ademais de lembrar que os cambios intoducidos no proxecto buscan beneficiar ás empresas. “Nós somos os primeiros/as que queremos un novo hospital, pero temos que esixir que sexa unha infraestrutura con capacidade para dar cobertura a unha poboación de 600.000 persoas”.
Ao mesmo tempo, o representante sindical indicou que as forzas políticas que concorren ás eleccións galegas teñen que comprometerse coa cidadanía e facer público o que pensan facer co novo hospital, cuxas obras perigan por falta de financiamento privado. “Con esta manifestación pretendemos que a poboación de Vigo e comarca se exprese na rúa en defensa dun hospital en condicións e da sanidade pública universal”.
Neste senso, Moreira alertou sobre os ataques que está a sufrir o sistema sanitario universal (copago, maiores requisitos para acceder á asistencia sanitaria...) e desvelou a existencia dun borrado presentado polo PP no que se fixan unha serie de cantidades (arredor duns 60 euros para os menores de 64 anos e arredor duns 155 para os maiores desta idade) que deberán abonar todas aquelas persoas que non estean aseguradas ou non sexan beneficiarias do seguro para acceder á asistencia sanitaria no Estado español. “Nun primeiro momento serán as persoas inmigrantes as que queden fóra do sistema sanitario público, pero máis ampliarán a outros colectivos, como os menores de 26 anos que nunca teñan cotizado”.
Finalmente, indicou que a Plataforma SOS Sanidade Pública Galega manterá unha xuntanza esta tarde en Santiago para consensuar un manifesto onde se denuncien todas estas agresións ao sistema sanitaria público e se reclame o mantemento dunha asistencia universal e gratuíta.
1