Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 3/10/2012
A CIG de Compostela denuncia casos nos que logo de despedir a unha ducia de traballadores/as vía ERE, logo se contrataron a outros 24
As empresas TIC de Compostela precarizan as condicións laborais e trasladan persoal para fóra do país
A CIG de Compostela denuncia a precarización das condicións laborais no sector das TIC da comarca. Apunta que se dan casos de empresas nas que se está a substituír a persoal fixo por persoal en prácticas; outras que están desprazando e facendo traslados de persoal para fóra do país; algunhas nas se aplican plans de carreiras con salarios por debaixo do convenio colectivo ou facendo reducións salariais e mesmo EREs –como un que se produciu neste mesmo verán- a través do que se efectuaron unha ducia de despedimentos para logo contratar a 24 traballadores/as.

09-03-02 forga ferrol 1
Laboratorio de autómatas programábeis do novo centro de Formación.

O exemplo e capacidade de superación que supón comezar os estudios dun ciclo superior de informática a idade de 45 anos e atopar traballo actualmente xera unha esperanza que se ve inmediatamente minguada ao coñecer a situación maioritaria dos traballadores do sector das novas tecnoloxías Sen ir máis lonxe, a empresa que contratou recentemente a un titulado en informática aos 47 anos é das que cambiaron recentemente a súa política laboral, incluíndose por desgraza nese grupo, con decenas de despedimentos no último ano de persoal con anos de antigüidade que se substituía incorporando persoal con contrato en prácticas.

Outras empresas están trasladando persoal a outras partes do Estado cun custo de vida moi máis alto reducindo drasticamente o poder adquisitivos dos traballadores e traballadoras desprazados. Noutras, mesmo, permítense crear carreiras profesionais de empresa que encadran a traballadores en categorías profesionais polas que cobra salarios moito máis baixo que no caso des estar correctamente encadrado no seu convenio de aplicación.

No caso concreto dos recén titulados, o seu futuro está tomado independentemente da súa valía. Renato Núñez, secretario de Organización asegura que, a consultora  informática en cuestión, acabou coa política de facer fixo ao persoal con contratos en prácticas ao cumpriren os dous anos de contrato. “Este é un exemplo de empresa que se aproveita do contexto actual para levar ao seu cadro de persoal a condicións cada vez máis precarias, máis baratas, sen antigüidade e, polo tanto, con menos dereitos”.

Ademais pódese constatar que a precarización das condicións de traballo non está especialmente relacionada coa actual situación de crise xeneralizada pois as empresas TIC están despedindo a un número similar ao de traballadores contratados, nalgúns casos están aumentando o cadro de persoal, promovendo entón unha mera rotación de traballadores para evitar a consolidación de dereitos laborais.

Núñez lamenta que o oportunismo estea levando a algunhas empresas do sector onde o persoal gozaba de condicións laborais dignas e que era considerada polos propios traballadores coma diferente das demais en canto a estabilidade laboral, dea este xiro e pase a apostar por un modelo no que se priorizan unicamente os beneficios, a custo de empeorar a situación das súas traballadoras e traballadores.

Estanse dando situación de tal irresponsabilidades como a dunha empresa que no verán fixo un ERE para despedir a unha ducia de traballadores e nestas datas ven de contrata a 24 traballadores.

O secretario de Organización da CIG de Compostela denuncia que este tipo de prácticas son as que están minando o mercado laboral e lembra que van en detrimento das propias empresas, que está desaproveitando un capital humano fundamental ao desfacerse de persoal con formación e experiencia.

1