Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 3/10/2012
A central sindical ten convocadas nove marchas baixo o lema “Paremos o PP! Non ao saqueo do pobo. Existen alternativas. Rescatemos os nosos dereitos”
A CIG chama a rexeitar na rúa as políticas de recortes do PP participando nas manifestacións do xoves 4 de outubro
A CIG ten convocadas manifestacións para este xoves 4 de outubro nas sete cidades galegas, Vilagarcía e Foz, a través das que se quere amosar o descontento que existe entre a cidadanía contra ás políticas de recorte e axustes aplicadas polos Gobernos do PP na Xunta e o estado. A central pretende facer tamén unha chamada de atención sobre o significado que terá para Galiza e as condicións de vida dos galegos e as galegas votar ao Partido Popular nas eleccións do vindeiro 21 de outubro.

CartazCamapaña04-10-12

Estas mobilizacións dan continuidade a campaña de axitación e rexeitamento desenvolvida pola Confederación Intersindical Galega en contra das políticas de recorte de dereitos e axustes que está a aplicar o Partido Popular. Unhas políticas que se verán incrementadas se finalmente o Estado recorre a un segundo rescate, cuxa petición formal semella estar atrasándose en función máis dos intereses alemáns que das dúbidas que poida ter a este respecto o Goberno de Mariano Rajoy.

O Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, advertiu que este segundo rescate virá acompañado de novas esixencias por parte da Unión Europea, na liña das medidas anunciadas estes días polo PP, centradas na reformar do sistema público de pensións: supresión da xubilación a tempo parcial con contrato relevo, dificultar o acceso á xubilación anticipada voluntaria, desvincular o incremento das contías das pensións á suba do IPC ou o adiantamento do atraso da idade de xubilación aos 67 anos.

Para Seixo, os recortes aínda serán máis profundos, polas “incríbeis” previsións reflectidas no anteproxecto de Orzamentos xerais do estado para 2013, que prevén unha redución do déficit público até o 4.5%. Dunha banda o Executivo español recoñece que continuaremos en recesión e se incrementará o número de persoas desempregadas, e ao mesmo tempo presenta partidas orzamentarias nas que se reducen as cantidades destinadas ás prestacións por desempregos e fálase de incrementos na recadación mediante o IVE.

Pola contra, as previsións avanzadas por outras institucións apuntan a que a caída da economía estará máis próxima ao 2%, que ao 0.5% estimado polo Goberno español. “Estamos a falar de máis paro, e polo tanto, máis gasto nas prestacións por desemprego –aínda que non é descartábel unha drástica redución nas mesmas- e unha maior caída do consumo interno, o que significa que non se acadarán as previsións de ingresos vía IVE e non se cumprirán os obxectivos de redución do déficit. Isto levará a novas políticas de axustes e máis recortes”, avanzou.

Competencias reais para Galiza

Unha ruela sen saída aparente que demostra que as políticas económicas seguidas polos Gobernos do PP no estado e na Xunta, dirixidas dende a UE e o BCE, son políticas que non facilitan a saída da crise, senón que están en función do interese da banca e os especuladores.

Fronte a este panorama, o Secretario Xeral da CIG entende que cada vez cobra máis forza valorar a serio a saída do euro. “Non podemos afrontar unha crise económica nas circunstancias actuais, sen un banco central que avale a compra de débeda pública, que poida emitir moeda e sen a capacidade de dotarnos dunha política monetaria, fiscal e económica ao servizo dos intereses da maioría social e non da banca europea”, asegura.

Neste senso, subliñou que existen máis razóns ca nunca para seguir insistindo na necesidade de que Galiza teña competencias reais en materia económica, financeira, fiscal, etc., para poder afrontar como País á saída á crise e ter capacidade de decisión en todos aqueles ámbitos determinantes á hora de definir o modelo económico e social que queremos.

Horarios e lugares das manifestacións:

- Vigo: 20.00 h desde Vía Norte. O Secretario Xeral participará nesta manifestación.

- A Coruña: 20.00 h desde a praza de Vigo

- Pontevedra: 20.30 h desde a praza da Ferrería

- Ferrol: 20.30h desde a av. de Esteiro

- Compostela: 20.30 h na praza Roxa

- Lugo: 20.30 h desde Ronda da Muralla, 58

- Ourense: 20.00 h no pavillón dos Remedios

- Vilagarcía: 20.30h na Casa do Mar

- Foz: 20.00 h na Casa do Concello

1