Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 3/10/2012
Soria negouse a visitar a fábrica da Coruña e adiou concretar que medidas adoptará o Goberno español até dentro de 20 días, unha vez celebradas as eleccións galegas
A CIG-Metal considera unha burla a visita do Ministro de Industria á planta de Alcoa en San Cibrao
A CIG considera unha burla e un acto puramente electoralista a visita que o martes realizou o Ministro de Industria á fábrica de Alcoa na Mariña, xa que non achegou nin unha solución concreta ao problema da tarifa eléctrica –reclamada pola empresa- nin un compromiso firme que garanta a continuidade da produción do aluminio nas plantas de San Cibrao e A Coruña, así como dos empregos, con independencia das decisións que poida tomar a multinacional norteamericana.

12-09-21_ManifestacionAlcoa_000

O Secretario da CIG-Metal de Lugo, Antonio González, criticou as nulas perspectivas de futuro traídas polo titular de Industria, xa que a única concreción que fixo José Manuel Soria referiuse a que non será até dentro de 20 días (unha vez pasados os comicios galegos) cando se tome unha decisión a este respecto. E non será até xaneiro de 2013 cando o goberno poña en marcha un sistema–que non quixo concretar en que consistirá- a través do que supostamente quedará garantida a viabilidade das fábricas de Alcoa.

Neste senso, cómpre subliñar que as palabras do propio Conselleiro de Industria, Javier Guerra, asegurando que o futuro de Alcoa no noso País non vai depender da tarifa eléctrica, poñen en dúbida a efectividade de calquera medida adoptada dende a administración e as propias intencións da multinacional.

“Seguimos estando igual, ou peor, pero con menos tempo”, valoraba González, tras da visita do Ministro e da reunión que o Comité mantivo este mércores coa dirección da planta de San Cibrao. Para o responsábel do Metal, tamén resulta curioso que o director da fábrica cualificase agora de meramente “orientativa” a data do 5 de outubro fixada pola empresa como tope máximo para obter unha solución.

Para González resulta unha burla que o ministro realice esta visita en plena precampaña electoral para non esclarecer nada e deixar na máis absoluta incerteza o futuro de miles de postos de traballo, x que até dentro de 20 días non se anunciarán medidas. Ao mesmo tempo entende que se trata dun  malgasto de cartos públicos, xa que o acto supuxo un enorme custe económico en medidas de seguridade e recursos materiais e humanos, nun momento no que o PP se vale do emblema da austeridade para aplicar brutais recortes en servizos básicos, dereitos e prestacións.

Con estas montaxes propagandísticas, os gobernos do PP volven demostrar que non lles interesa o futuro da industria do aluminio galego nin os miles de empregos que dela dependen. Cómpre subliñar que o Ministro viaxou até A Mariña pero se negou a visitar a planta de Alcoa na Coruña e tan só aceptou recibir durante uns breves minutos a un representante do Comité, ao que só lle trasladou boas palabras.

A CIG volve reclamar da Xunta e do Goberno estatal un compromiso firme na defensa dos postos de traballo e un esforzo para garantir o futuro da actividade industrial nas comarcas da Mariña e da Coruña.

Ante esta situación, a central nacionalista invita aos traballadores/as das dúas plantas de Alcoa a que participen nas manifestacións que a CIG ten convocadas o xoves 4 de outubro en contra das políticas de recortes e axustes aplicadas polos gobernos do PP.

1