Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 3/10/2012
Exixe da Xunta de Galiza un compromiso firme en materia de emprego, para os 6.000 traballadores/as afectados
CIG-Banca convoca para o vindeiro día 11 unha concentración en San Caetano
A CIG-Banca vén de convocar para o vindeiro día 11 de outubro, entre as 11:00 e as 12:00 horas, unha concentración diante do edificio administrativo da Xunta, en San Caetano, para demandar un compromiso en materia de emprego no proceso de resolución ordenada de Novagalicia, que afecta tamén ao Banco Gallego e ás empresas auxiliares, e a 6.000 traballadores e traballadoras en Galiza.

12-05-24 NCG 02

A CIG-Banca xa puxo en marcha, ademais, distintas iniciativas para “non quedar á espera de que outros decidan o noso futuro sen escoitar a voz dos traballadores e traballadoras”. Neste senso ten solicitado unha explicación por parte da Dirección de NCG Banco SA, sen que a día de hoxe recibira contestación.

Alén diso, e dado que a entidade está nacionalizada e polo tanto é propiedade do Estado, tamén solicitou ao Ministro de Economía, Luís de Guindos, unha reunión para coñecer de primeira man o impacto laboral do proceso de resolución ordenada, para demandar a subrogación laboral e un proceso negociado. Para iso, pediu unha interlocución directa entre o propietario da entidade (o Estado) e os seus traballadores e traballadoras.

A CIG-Banca está celebrando asembleas para informar de primeira man aos traballadores e traballadoras aos que chama a participar na concentración que terá lugar o día 11, para solicitar un compromiso claro e nidio en defensa dos 6.000 postos de traballo directos do Grupo NCG Banco, SA en Galiza (novagalicia, Banco Gallego e das empresas auxiliares). Neste sentido, Clodomiro Montero, secretario nacional da federación acusa á Xunta de ser responsábel directa da situación na que se atopan.

Xunto a isto, solicitaron a colaboración do BNG, para que a deputada nacionalista, Olaia Fernández Davila presente unha pregunta ao Goberno, no Congreso dos Deputados, relativa ao impacto sobre o emprego do proceso de resolución ordenada do Grupo NCG Banco, SA.

A CIG-Banca está tratando de conseguir tamén unha reunión con responsábeis da UE en Bruxelas, para expor as dúbidas suscitadas polo rescate bancario e demandar o mantemento da capacidade das entidades e que non haxa recortes de persoal, como mellor garantía da viabilidade das mesmas.

“Asistimos con preocupación ás negociacións abertas noutras entidades que foron vendidas polo Estado, nomeadamente Unimm ou CAM, nas que as Direccións e os propios sindicatos están falando abertamente de despedimentos masivos, unha saída que non compartimos”, insiste Montero.

1