Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 4/10/2012
A CIG denuncia a intención do Partido Popular de restrinxir dereitos fundamentais como o de manifestación ou a liberdade de expresión
A Xunta Electoral desestima a solicitude do PP de suspender o dereito de manifestación á CIG
A Xunta Electoral de Lugo vén de acordar que non é competente para resolver a denuncia presentada polo Partido Popular, contra a manifestación convocada para esta tarde, pola CIG, en Lugo. Argumenta que a competencia correspondería á Xunta Electoral Provincial, durante a campaña electoral, e á Subdelegación do Goberno, antes do inicio da mesma. O Partido Popular pretendía a suspensión do dereito de manifestación, por considerar que a central sindical busca incidir no voto dos electores, “en concreto, desaconsellar o voto a unha formación política (Partido Popular), que se presenta ás eleccións”.

CartazParemosPP

A CIG ten convocadas manifestacións para esta tarde, nas sete cidades, ademais de en Vilagarcía e Foz baixo o lema “Paremos o PP. Existen alternativas. Rescatemos os nosos dereitos”. Mobilizacións coas que, como en ocasións anteriores, a central sindical pretende denunciar as funestas consecuencias que tiveron as políticas de recorte postas en práctica polo Partido Popular, tanto na Xunta de Galiza como no goberno central, e coas que quere tamén alertar do agravamento da situación se o PP volve estar á fronte da Xunta de Galiza.

Para a CIG non deixa de ser curioso que sexa precisamente unha formación política –o PP- que xa ten sete resolucións da Xunta Electoral por vulnerar a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral; que utiliza a web institucional para publicitarse e que mesmo pediu o voto desde un medio de comunicación, quen pretenda agora limitar o dereito dunha organización sindical –a CIG- a expresar a súa opinión a respecto das nefastas políticas que desenvolveu nestes anos á fronte da Xunta de Galiza.

Políticas que a central sindical considera que son un ‘suicidio’ para as galegas e galegos, porque para o único que teñen servido, até o de agora, é para favorecer o estrangulamento dos sectores produtivos, provocando un incremento escandaloso do desemprego; para abocar á privatización os servizos públicos, nomeadamente a sanidade e a educación, recortando os orzamentos destinados ao seu mantemento e as condicións laborais das empregadas e empregados públicos e para introducir medidas que supoñen un alarmante retroceso en dereitos e liberdades.

Ante isto, a CIG fai un chamamento a participar de forma máis activa, se cabe, nas mobilizacións convocadas para esta tarde en toda Galiza, exercendo o dereito á liberdade de expresión e de manifestación. Dereitos que o PP vén poñendo en cuestión desde a súa chegada ao poder e que xa anunciou por diversas vías que intentará limitar.

1