Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 4/10/2012
Os afectados/as anuncian que se o vindeiro martes non reciben unha resposta seguirán coas mobilizacións
Mariñeiros/as do caladoiro mauritano péchanse no Ministerio de Pesca en Pontevedra para esixir unha solución ás axudas
Un grupo de mariñeiros do caladoiro mauritano realizaron hoxe un peche de protesta nas dependencias do Ministerio de Agicultura e Pesca en Pontevedra para reclamar o cobro íntegro das axudas pactadas tras o cese da actividade. A comezos da próxima manterán unha reunión coa xunta de portavoces do Concello de Marín (PP, PSOE e BNG) e anuncian que se o martes non reciben resposta por parte do Goberno español continuarán coas mobilizacións.

2012 10 04 PecheMauritaniaMinisterioPontevedra01

O peche simbólico iniciouse pasadas as 11.00 horas coa entrada dun nutrido grupo de afectados/as ao interior do edificio situado na rúa Michelena, onde despregaron varias pancartas reclamando unha solución para o conflito. A protesta remataría dúas horas e media despois, tras seren recibidos polo secretario da Subdelegación do Goberno español, que é o encargado da xestión dos Ministerios.

O responsábel de CIG-Mar, Xabier Aboi, explicou que o representante institucional púxose en contacto telefónico con Madrid para trasladarlles as demandas dos mariñeiros/as. Os afectados/as reclaman que se negocie un novo acordo que lles permita faenar, ao tempo que critican a lentitude coa que se está a levar a tramitación das axudas e o engano que supón que agora o Goberno español fixe as contías en 37,45 euros diarios para cada traballador/a en lugar dos 45 pactados.

Aboi lembra que, pola contra, aos mariñeiros/as andaluces que hai un mes abandonaron o caladoiro de Marrocos correspóndenlles 55 euros. “Isto é un escándalo e un roubo que non imos tolerar”, asegurou o representante sindical. Neste senso, anunciou que as protestas continuarán nos vindeiros días e adiantou que “todos os mitins do Partido Popular no Morrazo recibirán a nosa visita até que paguen o acordado”.

Ao mesmo tempo, criticou que o borrador remitido polo Ministerio de Agricultura tras o peche protagonizado polos afectados/as na Deputación de Pontevedra deixe fóra das axudas os empregados/as de tres barcos de Marín que van ir ao despece. “Podían pagarlles até que as embarcación sexan desmanteladas, pero tampouco”. 

1