Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 9/10/2012
A FGAMT-CIG denuncia que a empresa, en canto tivo coñecemento da nova convocatoria de folga indefinida despediu a catro novos traballadores, entre eles aos membros do comité de folga designados polos compañeiros e recoñecidos pola consellaría de Traballo.
Ademais nomeou uns servizos mínimos abusivos e ilegais, xa que unha empresa que non presta un servizo básico para a sociedade non pode estabelecer servizos mínimos se non están consensuados cos representantes dos traballadores/as.
A empresa intentou ademais aplicar unha normativa laboral franquista na que era a empresa na que nomeaba unilateralmente tanto os servizos mínimos como ás persoas que os realizarían, cando esta norma está derrogada desde o ano 1981.
Por se isto non fora abondo, esta mañá cando os traballadores se concentraron diante da empresa e o comité de folga intentou acceder ás instalacións para comprobar que non se estaba a suplir ás e aos folguistas con traballadores/as que non estiveran de alta na seguridade social, ou que realizaran outras funcións e os estiveran substituíndo, a empresa denegou a súa entrada, vulnerando así o dereito á folga.
Inácio Pavón, da FGAMT-CIG explica que a garda civil se presentou nas instalacións negándose tanto a facilitar o acceso ao comité de folga como a identificar ás persoas que naquel momento se atopaban traballando para que despois se puidera comprobar que non se cometera unha irregularidade e conculcando o dereito fundamental á folga.
Malia iso as traballadoras e traballadores continuarán exercendo este dereito mentres a empresa non se sente a negociar o pago dos salarios e a readmisión das traballadoras e traballadores despedidos.
1